García-Basteiro: "As medidas restritivas teranse que levantar gradualmente"

Nado en Vilalba, García-Basteiro estudou Medicina na USC e especializouse en Preventiva en Barcelon (Imaxe: Nós Diario)

A COVID-19 está a mudar as sociedades. Nós Diario conversa sobre perspectivas de futuro co vilalbés Alberto García-Basteiro, epidemiólogo no Instituto de Saúde Global de Barcelona e no Centro de Investigación en Saúde de Manhiça (Mozambique), onde coordina a área de investigación en tuberculose. 

-Coas medidas de distanciamento actual, que duración terá o confinamento? 

Penso que nos próximos días coñeceremos o impacto que terá a estratexia actual do Ministerio de Sanidade. Dependendo diso, teremos máis ferramentas para estimar escenarios futuros. De momento, non deberiamos especular moito sobre a duración do confinamento actual. É cedo.

-Após o illamento, levantaranse as restricións gradualmente?

Despois do confinamento abrirase un abano de posibilidades. Todas elas están por se estudar mellor, vendo resultados noutros países, entendendo máis o comportamento do virus e analizando toda evidencia científica. 

As medidas restritivas teranse que levantar gradualmente con estratexias intensificadas de busca de casos e contactos, estendendo o diagnóstico e descentralizándoo a centros de saúde, utilizando ferramentas tecnolóxicas para vixilancia, como aplicacións de móbil, e contemplando mecanismos de protección para os sectores máis vulnerábeis. 

-Coñeces os efectos das epidemias en África. Como afectará o coronavirus a este continente?

Pode ser unha catástrofe porque os países de África non están preparados nin para diagnosticar a enfermidade nin para implementar medidas que se están a adoptar noutros países.

En África, ao haber sistemas precarios de saúde, economías moi flutuantes e unha carga importante doutras doenzas, as consecuencias poden ser terríbeis. O triste é que será difícil de medir, porque os sistemas de vixilancia non poderán captar en tempo real o que aconteza. Verase reflectido posibelmente na mortalidade xeral. 

A letalidade do coronavirus é moito máis baixa que a da TB, non ten comparación

As medidas de confinamento non se poden manter moito tempo alí, porque a maioría vive ao día e ten que moverse para poder comer. Estou preocupado polo que pode pasar en países que coñezo ben como Mozambique ou outros da África austral.

-Dise que o mundo entrou nunha dimensión descoñecida até o de agora, mais infeccións curábeis seguen segando vidas no planeta. Poderíase facer unha comparativa entre a taxa de letalidade da tuberculose, por exemplo, e do coronavirus?

De tuberculose (TB) morren 1,5 millóns de persoas ao ano e estímase que hai 10 millóns de casos. A letalidade real é elevada, aínda poñendo en tratamento moitos pacientes. Un dos problemas fundamentais é que un terzo dos casos non se diagnostica, en consecuencia, a mortalidade nos non diagnosticados é moi alta, porque non se chegan a tratar. 

A letalidade do coronavirus é moito máis baixa que a da TB, non ten comparación. A maioría de pacientes con tuberculose sen tratamento morren. Aínda en tratamento, en países onde a TB é un grave problema de saúde pública, morren entre un 5 e  15% das persoas diagnosticadas.

Esta situación suporá un antes e un despois na xestión sanitaria a todos os niveis

-Aquí pensábase que o coronavirus non chegaría, que ficaría na China. Cres que a sociedade occidental será máis sensíbel ante epidemias que non lle afectan pero que devastan outros continentes?

Obviamente esta situación suporá un antes e un despois na xestión sanitaria a todos os niveis: nos recursos humanos, nas infraestruturas, no modelo de sanidade e no investimento nela...

Todas as estruturas relacionadas coa preparación de respostas a ameazas biolóxicas e sanitarias teranse que repensar e reestruturar profundamente. 

O impacto económico será tal que teremos que reformular prioridades a todos os niveis, tanto individuais como colectivas

O impacto económico será tal que teremos que reformular prioridades a todos os niveis, tanto individuais como colectivas. Temos memoria curta, infelizmente, pero esta sacudida é de tal magnitude que será complicado non reaccionar e facer o posíbel para estar preparados ante futuras pandemias, que, de seguro, acontecerán.

-Na anterior crise recortouse en investigación e sanidade. Haberá agora maior toma de conciencia?
Quero crer que si. A investigación non ten resultados a curto prazo xeralmente, é unha carreira de fondo. Por iso é fácil recortar en ciencia, porque os efectos negativos deses recortes non salientan nos períodos políticos de quen toma esas decisións. Mais para agora poder facer vacinas nun período excepcional de meses, foron precisos moitos anos de investigación. 

A decisión de investir en investigación tómana as e os líderes que non se fixan no curtopracismo, e que teñen a capacidade de pensar a longo prazo.