O coronavirus ameaza gravemente África

En caso de transmisión comunitaria sostida, como en Europa, os sistemas de saúde do continente non teñen a capacidade para frear o seu avance.

sudan
photo_camera Polo momento, o número de casos de coronavirus no continente africano non chega a mil (Europa Press)

O director xeral da Organización Mundial da Saúde (OMS), Tedros Adhanom Ghebreyesus, advertiu esta semana de que "África debe prepararse para o peor", ante o aumento continuado no número de casos e de países afectados polo coronavirus. A prevención e a acción rápida e contundente poden ser chave, insistiu.

Dos 54 países que integran o continente, case 40 rexistraron xa casos, sendo até o de agora os do norte de África, en particular Exipto e Alxeria, os máis afectados, aínda que en Sudáfrica tamén están a aumentar con rapidez. Fronte aos 147 que había hai tan só unha semana, agora son xa 769 (segundo os datos desta sexta feira, 20 de marzo, ao mediodía), con 19 falecidos (todos, agás un en Burkina Faso e outro en Sudán, no norte do continente).

"A rápida evolución da enfermidade COVID-19 en África é moi preocupante e é un claro sinal para a acción", subliñou a directora rexional para o continente da OMS, Matshidiso Moeti, que incidiu en que aínda se pode mudar o curso desta pandemia".

Para iso, "os Gobernos deben mobilizar todos os seus recursos e capacidades e fortalecer a súa resposta", defendeu Moeti, que agregou que ademais se pode aprender da experiencia doutros países afectados que conseguiron reducir os contaxios "aumentando rapidamente as probas, illando os casos e seguindo de forma meticulosa os contactos".

Casos desde Europa

Polo momento, boa parte dos casos confirmados son importados de nacionais ou estranxeiros que viaxaron a países onde o coronavirus xa estaba presente, principalmente en Europa. No entanto, segundo a OMS, xa hai contaxios locais constatados en 12 países e "o peor escenario", segundo o organismo, é que comece a haber contaxio comunitario.

"Mentres sexa unha epidemia incipiente, África ten a capacidade para controlala", asegurou o subdirector xeral da OMS para urxencias, Ibrahima Socé Fall. "Mais en caso de transmisión comunitaria sostida, como en Italia e noutros países, os sistemas de saúde de África non teñen a capacidade para frear o golpe", advertiu, sinalando que "mesmo nos países desenvolvidos, algúns sistemas de saúde víronse desbordados".

Comentarios