Médicos urxen completar a vacina da Covid ante o aumento dos contaxios

#vacina #vacinación #covid #covid-19 #sergas (Foto: Álvaro Ballesteros / Europa Press)
O Estado volve pór en marcha controis en aeroportos

O aumento de casos da Covid-19 rexistrado na China está a derivar na imposición de novos controis para as persoas viaxeiras que chegan do xigante asiático, sendo o Estado español un deles. Así o confirmou onte a ministra de Sanidade, Carolina Darias, que anunciou que se solicitará aos pasaxeiros e ás pasaxeiras procedentes da China un test negativo de Covid-19 ou, no seu defecto, a pauta completa de vacinación.

Sobre as perspectivas epidemiolóxicas na Galiza, o especialista en Medicina Interna no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac) Ignacio Ramil explica a Nós Diario que “é lóxico esperar un incremento das infeccións polas reunións” destas datas. Con todo, sostén que en ningún caso se esperan niveis de risco dos dous pasados anos e que non se contempla a posibilidade dun novo confinamento no ano que entra; “esa opción xa foi descartada en agosto de 2021” grazas a que “a maior parte da poboación está vacinada con, como mínimo, dúas doses”.

Nesta liña, o médico especialista en Análises Clínicas, Luis Vázquez, engade que 90% da poboación galega está vacinada, “xa case chegamos á inmunidade de rabaño da que se falaba ao comezo da pandemia. 

Tendo isto en conta, Vázquez sostén que a situación no país “é boa” e “pouco preocupante”. Porén, advirte que cómpre esperar ás accións das autoridades sanitarias con respecto á nova situación derivada dos contaxios na China. “Esta nova cepa parece máis contaxiosa, pero aínda non temos datos claros”. 

Ambos sosteñen que aínda hai que esperar a ver como evoluciona e observar, segundo apunta Ramil, “como impactan [estes novos contaxios] na poboación vulnerábel con enfermidades crónicas e nas persoas maiores de 60 anos, pois é o que marcará a presión hospitalaria”.

Recomendacións para evitar os contaxios

Para evitar peores consecuencias, tanto Ramil como Vázquez recomendan que as persoas que aínda non se vacinaron o fagan, pois permitirá que, de seren contaxiadas, os síntomas resulten máis leves. 

Ademais, tamén insisten na necesidade de lavar as mans con frecuencia e de usar a máscara en lugares fechados no caso de ter algún catarro ou problemas respiratorios. Por outra parte, aconsellan reducir o contacto coas persoas maiores e coas crianzas, estas últimas moi afectadas polo virus sincitial desde o outono. Con todo, resaltan que a situación derivada da Covid-19 non é preocupante e que, de feito, estanse a rexistrar “moitos máis casos de gripe A” que de Covid-19.

O Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, enviou onte unha mensaxe de “tranquilidade” á poboación ante a situación sanitaria que atravesa China, e recomendou empregar as ferramentas usadas até o momento -vacinación, máscaras e test-.

Máis de 2.000 casos activos

O Sergas notificou onte unha repunta dos casos activos de coronavirus que volveron superar a barreira dos 2.000 nunha xornada con 177 novos positivos. Ademais, tamén subiu a cifra de persoas hospitalizadas que chega a 264, sete máis que a xornada anterior, das cales sete están en coidados intensivos. Segundo datos os do Sergas, 4.014 persoas faleceron na Galiza con Covid-19 até o momento e curáronse case 685.000.