Compatibilizar a sanidade pública e a concertada "vulnera a lei", di a AGDSP

Consulta de Neuroloxía nunha clínica do grupo Quirón, un dos centros con concerto coa Xunta da Galiza. (Foto: Quirónsalud)
A entidade critica que "a Xunta sae con esta ocorrencia ilegal co único obxectivo de atender as peticións das empresas sanitarias, que queren quedar cos profesionais da pública a baixo prezo", nun momento, lamenta, de "falta de médicos no sistema público e enormes listas de agarda".

A proposta do Goberno galego para facilitar que o persoal médico do Sergas poida compatibilizar o seu traballo coa actividade en centros privados concertados —case todos os de titularidade privada na Galiza— non convence a entidades como a Asociación Galega para a Defensa da Sanidade Pública (AGDSP), que esta cuarta feira emitiu un comunicado no que manifesta a súa "rotunda e contundente" oposición á medida por considerar que se trata dunha nova ocasión na que "a Xunta toma decisións sobre a sanidade pública para privatizala ou desmontala", derivando recursos humanos e económicos á privada.

Neste senso, o colectivo carga tamén contra os colexios de médicos por ver con bos ollos este proxecto. "Agora, coa decisión do Goberno galego de retorcer a legalidade para ceder aos centros privados os xefes e xefas de servizo e especialistas do Sergas, incumpren a normativa legal", lamentan.

Malia que a Xunta condiciona a compatibilización nestes centros con concerto á non realización de actividades concertadas e polo tanto derivadas do Sergas, a AGDSP insiste en que se trata dun "incumprimento flagrante dunha lei de rango superior", a de Incompatibilidades dos traballadores públicos.

"Segundo a súa redacción, os médicos do sistena nacional de saúde non poder cobrar dous salarios públicos, incluíndo a efectos desta lei como salario público o dos traballadores e traballadoras dos centros concertados. Resumindo, os médicos do Sergas non poden traballar en ningún centro concertado, independentemente das patoloxías e pacientes que atendan. E a lei tamén advirte que non poden atender na súa consulta privada pacientes da área sanitaria á que pertencen, xa que lles corresponde atendelos na súa consulta dos centros públicos, evitando conflitos de intereses e favoritismos", advirten.

Desde esta entidade fan fincapé en que a proposta da Xunta "non só é ilegal, senón tamén inexplicábel", debido á "falta de médicos no sistema público e as enormes listas de agarda, incrementadas na pandemia", con pacientes que seguen sen ser atendidos "en tempo e forma", nalgúns casos con enfermidades tan avanzadas pola demora que "xa non poden ser curados".

"Despois de agardar por un plan do Goberno desde hai máis de dous anos para incrementar a actividade no Sergas e facer polas tardes as consultas, cirurxías e probas diagnósticas que non puideron facerse, que contaría coa participación de moitos profesionais, a Xunta sae con esta ocorrencia ilegal, a de abrir as portas da privada de par en par, co único obxectivo de atender as peticións das empresas sanitarias, que queren quedar cos profesionais da pública a baixo prezo", cuestiona a AGDSP.

Detrás do "pluriemprego" de moitas e moitos profesionais sanitarios, afirman desde o colectivo, están as "malas condicións económicas e laborais" que se ofrecen no sistema público. Aliás, conclúen que "pagarlles a exclusividade aos que traballan tamén na privada xa é un despropósito e a desmotivación para os empregados públicos, que non ven compensada a súa dedicación en exclusiva na sanidade pública galega".