Médicos estudan emprender mobilizacións na primavera ante o "menosprezo" da Xunta aos profesionais

Manifestación convocada por SOS Sanidade Pública en Compostela o pasado domingo. (Foto: Arxina)
A CESM afirma que as medidas propostas polo Sergas son "simples parches temporais" e "non contan co consenso dos profesionais e impuxéronse unilateralmente sen ter en conta as necesidades reais que hai".

A Confederación Estatal de Sindicatos Médicos (CESM) na Galiza valora iniciar unha serie de mobilizacións na primavera ante o "menosprezo" ao que, ao seu xuízo, a Xunta ten sometido o persoal médico e polas medidas impostas "unilateralmente" polo Sergas. Así o avanzaron esta terza feira por medio dun comunicado remitido aos medios, no que a CESM afeou ao Goberno galego que convoque os facultativos a reunións de traballo nas que "nada se avanza nin se decide", debido a que os interlocutores designados "non teñen capacidade de decisión".

Así, desde a Confederación cualifican de "decepcionante" o encontro da pasada sexta feira, no que dous dos tres interlocutores do Sergas tiñan perfís xurídico-técnicos, "pero non político con poder de decisión", polo que exixen, para poder avanzar, que a esas reunións asistan responsábeis do Executivo que estean asesorados por facultativos, "e non avogados que descoñecen a realidade total da lamentábel situación que atravesa a sanidade pública na Galiza".

A CESM criticou que a directora xeral de Recursos Humanos do Sergas, Ana María Comesaña, e a subdirectora, Margarita Prado, "limitáronse a vender" os anuncios feitos dous días antes pola Xunta, "cando nin sequera leron as propostas remitidas polos facultativos con antelación á reunión".

Para o persoal médico representado neste organismo, as medidas do Sergas "non contan co consenso dos profesionais e impuxéronse unilateralmente sen ter en conta as necesidades reais que hai". A organización sindical cualificou de "simples parches temporais" estas medidas, que non recollen cambios de "calado" que melloren a calidade asistencial da cidadanía nin as condicións dos facultativos. Tampouco resolven, ao seu xuízo, os problemas en atención primaria, que requirirían dunha "reforma estrutural".

"Aínda que os representantes da Xunta admitiron unha vez lidas as propostas de CESM que algunhas estarían incluídas nos seus proxectos, o sindicato médico entende que non é suficiente con que estean dispostos a reducir a burocracia que padecen os facultativos, a ver con bos ollos a coordinación entre a Primaria e a Hospitalaria ou a apoiar unha reorganización dos centros de saúde para optimizar os recursos", engadiron.

Os médicos demandaron, entre outras cuestións, a recuperación de "moitos dereitos laborais e económicos que foron eliminados desde a crise económica de 2008", alén do recoñecemento profesional en función da súa formación e responsabilidades, e condicións similares ás que teñen noutras comunidades autónomas, como a xornada laboral de 35 horas semanas.

Todo iso horas antes de que o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, se reúna esta tarde cos colexios de médicos para abordar o réxime de incompatibilidades que a Administración galega prometeu flexibilizar, así como a situación da atención primaria.