Médicos de familia ven "precipitado" eliminar a máscara en interiores porque "aínda non se dan as condicións"

Un home merca máscaras nunha oficina de farmacia (Foto: Marta Fernández/Europa Press).
O que se pretende agora é "depositar a responsabilidade no paciente e na persona enferma", di o doutor Lorenzo Armenteros.

O portavoz da Sociedade Española de Médicos Xerais e de Familia, o lucense Lorenzo Armenteros, criticou esta terza feira por "precipitada" a eliminación do uso obrigatorio de máscaras en interiores a partir da próxima segunda feira, 18 de abril.

"Mantivémolo desde que se empezou a rumorear: non se reunían as condicións e seguen sen reunirse porque aínda estamos cunha incidencia por Covid moi alta e existe un risco alto", explicou.

A xuízo de Armenteros, o que se pretende agora é depositar "a responsabilidade no paciente e na persona enferma", o que "deixa só como responsábel a cadaquén". "E isto parécenos unha opción moi perigosa", apostilou.

O portavoz dos médicos xerais e de familia insistiu en que a eliminación do uso obrigatorio da máscara en interiores é "unha decisión moi arriscada" e que "pode incrementar o número de contaxios ao longo do tempo".

O facultativo lucense tamén censurou que "se reduciu a información de tal maneira que xa nin se contan os tests de antíxenos", o que leva "a un apagamento informativo relativo ao número de casos que pode levar a unha información errónea e unha falsa redución do número de casos activos que non sería así se se dese unha información completa".

Ademais, Armenteros queixouse da "relaxación funcional" producida nas últimas semanas. E vincúlao a que "todo o mundo está con moitas ganas de que desapareza a máscara". "Estabamos a ver que o número de casos se incrementa en familias enteiras que se contaxian por esa relaxación", alertou.

"Hai tempo que dicimos que a familia dá unha falsa sensación de seguridade ante a posibilidade de contaxios. Se isto ocorre na familia, imaxinemos o que pode ocorrer no traballo ou nos medios nos que nos movemos sen usar a máscara como até o de agora", advertiu finalmente o doutor.