Médicos de familia cualifican de despropósito o estudo epidemiolóxico da Xunta

Un sanitario realiza unha proba para detectar posíbeis positivos da COVID-19.

A Asociación Galega de Medicina Familiar sinala que só se pode entender a continuidade deste estudo cunha intención propagandística

Choven as críticas contra o estudo epidemiolóxico da COVID-19 que está a realizar a Xunta. Desta vez é a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec) a que, farta dun “despropósito” que está a complicar a actividade asistencial de miles de enfermeiras no país, decidiu pedir ao Comité Ético de Investigación Clínica da Galiza unha análise polo miúdo do mesmo. 

Segundo apuntan nun comunicado, “desde o punto de vista da investigación parécenos que non cumpre as normas básicas de consentimento informado nin de transparencia na súa metodoloxía e deseño”. Na súa opinión, “só desde unha actitude e intención propagandística pódese entender a continuidade deste estudo absurdo que compromete a desexada reactivación asistencial en Atención Primaria”.

No canto de facer o estudo, o colectivo considera que nestes momentos é “fundamental aproveitar os recursos para detectar os brotes de casos e para reforzar á desatendida poboación de enfermos crónicos que durante o confinamento tiveron toda clase de complicacións e medes para acudir aos centros sanitarios”. 

Por todo isto, instan o Executivo de Núñez Feixoo a “reconsiderar” a continuidade de dito estudo. No caso contrario, agardarán ao ditame do Comité Ético de Investigación Clínica antes de traballar nun proxecto “tan discutíbel no seu obxectivo, a súa metodoloxía, na súa oportunidade e de nula utilidade”. Ao que engaden que “se hai algúen na Consellaría necesitado de agrandar o seu currículo investigador, que o faga co seu traballo”.