Sanidade

Unha agresión por cada 2.000 médicos na Galiza... e só se denuncian o 40%

Persoal sanitario do Sergas durante a súa xornada no Hospital da Mariña. (Foto: Xunta da Galiza).
"Interiorizouse que as agresións van incluídas no soldo", lamenta José María Rodríguez, coordinador do Observatorio Contra as Agresións da OMC.

Un total de oito médicos sufriron agresións na Galiza ao longo do pasado ano 2023, o que supón dous menos que os dez que as padeceran en 2022, segundo os datos do Observatorio Contra as Agresións da Organización Médica Colexial (OMC) publicados esta segunda feira. Na Galiza hai un total de 16.081 médicos colexiados, polo que dá lugar a unha taxa de 0,50 agresións por cada 1.000 facultativos, a máis baixa entre comunidades. A media española está en 2,50 agresións por cada milleiro de médicos.

No conxunto do Estado español rexistráronse durante o ano 2023 un total de 769 agresións, o que supón que cada día dous médicos sufriron violencia, e sitúa a cifra total desde 2011 en 7.261 agresións. En canto ao perfil, de todas as agresións sufridas o 66% corresponde a mulleres. "Este dato consolida a tendencia dos últimos anos, nos que as mulleres sofren a maior parte das agresións, algo que nos preocupa porque se dispararon", afirmou durante a presentación dos datos o secretario xeral da OMC e coordinador do Observatorio, José María Rodríguez.

Con motivo do Día Europeo Contra as Agresións a Médicos e Profesionais Sanitarios, que se conmemora cada 12 de marzo e coincidindo co 15º aniversario do asasinato da doutora María Eugenia Moreno, a OMC presentou hoxe na súa sede os datos rexistrados durante 2023. Neste sentido, no ámbito da Atención Primaria as agresións representan até 43% dos casos. Por detrás fican os hospitais, onde descenden sete puntos e colócanse no 20 por cento, por diante de Urxencias de Hospitais (10%) e Urxencias de Atención Primaria (10%), que repuntan levemente.

Respecto aos diferentes tipos de agresións sufridas, no 51% dos casos producíronse ameazas e coaccións, maioritariamente a mulleres (65%). Aliás, o 36% foron insultos e o 11% das agresións acabaron en lesións físicas, sufríndoas nun 58% as mulleres, por volta de 42% de vítimas que foron homes. De igual modo, de todas as agresións recibidas e comunicadas acabaron en baixa laboral o 13%, tres puntos máis que o pasado ano.

As principais causas

No que atinxe ao 16% de agresións estruturais, é dicir, que non están relacionadas con atención médica ou cuestións asistenciais, destaca cun 72% o tempo en ser atendido, seguido dun mal funcionamento do centro (28%). Dentro das causas asistenciais de novo a principal causa da agresión é a discrepancia coa atención médica recibida, que se sitúa no 58%, cinco puntos máis que o ano anterior. Tamén son motivos de agresións as discrepancias persoais (11%) e os informes non acordes ás pretensións (13%).

En canto ao tipo de exercicio no que se produciu as agresións no ano 2023, tamén manteñen datos similares aos de anos anteriores cunha preponderancia do exercicio público (90%) fronte ao privado (10%). De todas as agresións, o 94% prodúcense en horario e contorna laboral. Na distribución por idades o informe resalta que o maior aumento por rango de idade produciuse entre os colexiados entre os 36 e 45 anos (28%), cinco puntos máis que en 2022.

Os datos tamén mostran que o tipo de agresores son principalmente pacientes programados (47%), seguidos de pacientes non programados (30%) e acompañantes (22%). O perfil medio do agresor coincide cun home entre os 40-60 anos, aínda que é de destacar que no tramo etario de menores de 40 anos predominan as mulleres.

Só se denuncia o 40%

En total comunicáronse 769 agresións en todo o Estado, pero só se denunciaron 308, o que se traduce nun 40%do total. "En realidade son moitas máis as agresións que ocorren que as que se comunican nos colexios. Moitas veces non se chega a producir esa denuncia", asegurou Rodríguez, quen sinalou que isto pode explicarse debido a que "se interiorizou que as agresións van incluídas no soldo".

Neste sentido, o 52% dos centros prestaron apoio aos profesionais agredidos, mentres que en 2022 esta cifra foi do 67%. "Isto pódese explicar con que pode que os profesionais non pedisen o apoio. Moitas veces non se comunican porque directamente actúa de entrada o centro sanitario. Nós estamos a activar mecanismos para dar protección, tanto xurídica como psicolóxica", engadiu Rodríguez.

Por último, Victoria Muñoz, psiquiatra en Ciudad Real, relatou o seu testemuño cando foi agredida por un paciente mentres traballaba. "Pensaba que me ía a matar nunha garda e non ía volver a ver a miña nai. Quedas en branco e non sabes reaccionar, faste unha bóla e agardas que pase cedo. Pegoume unha puñada, deume pastadas na cabeza e nas costelas e o resto dos pacientes da planta de Psiquiatría axudáronme a paralo", narrou Muñoz, que sufriu a rotura de dúas costelas e tivo que estar de baixa laboral durante dúas semanas. Tamén Emilio Fernández, viúvo da doutora María Eugenia Moreno, participou no acto.

A OMC, que agrupa os 52 Colexios de Médicos de todo o Estado e mais os 17 consellos autonómicos, puxo en marcha este Observatorio por mor da morte, en 2009, de Moreno, unha residente de 34 anos que foi asasinada por un paciente cando se atopaba traballando no Centro de Saúde de Moratalla (Murcia).