Mulleres galegas

As Medallas Castelao recoñecen a traxectoria de catro mulleres galegas e das redeiras

Galardoadas coas Medallas Castelao 2019 [Imaxe: Xunta]

As Medallas Castelao que cada ano entrega a Xunta de Galiza recoñeceron a traxectoria das mulleres galegas Marisa Crespo, cardióloga; a piragüísta Teresa Portela, a actriz de 'O que Arde' Benedicta Sánchez, a delegada de Stop Accidentes na Galiza, Jeanne Picard, e o colectivo de redeiras galegas, en cuxo nome recolleu o galardón a presidenta da Federación de Redeiras  Artesás 'O Peirao', Verónica Veres.

O acto de entrega das Medallas Castelao decorreu este 28 de xuño (data en que en 1936 plebiscitouse o Estatuto de Autonomía da Galiza) no Panteón de Galegos Ilustres, na capital da nación. Foi a primeira vez nos 35 anos de existencia desta condecoración en que todas as galardoadas foron mulleres.

Así, neste acto, quíxose recoñecer a traxectoria e o labor transcendental da cardióloga Marisa Crespo, da piragüísta Teresa Portela, de Benedicta Sánchez, actriz do premiado filme en Cannes ‘O que arde’; da delegada de Stop Accidentes na Galiza, Jeanne Picard; e o colectivo de redeiras galegas, en cuxo nome recolleu o galardón a presidenta da Federación de Redeiras  Artesás 'O Peirao', Verónica Veres.

Durante o transcurso do acto o presidente da Xunta de Galiza, Alberto Núñez Feixóo, aseverou en relación á nosa nación que estamos a vivir “un terceiro rexurdimento”. Após o primeiro rexurdimento que considerou “de carácter cultural” aludiu que viu un segundo “no ámbito democrático” e afirmou que agora se está a producir un terceiro “que ten o selo da muller galega”

Marisa Crespo foi a primeira en recibir a Medalla Castelao en recoñecemento a súa eminencia no ámbito da insuficiencia cardíaca e transplante cardíaco, o que a levou a dirixir esta unidade no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña. Crespo lembrou a súa mai e pai expresando "que orgullosos estarían deste recoñecemento, do que eles forman parte". Crespo citou a Castelao para, en relación ao traballo cardiólogo, afirmar que a ela e a súa unidade hospitalaria "tamén lles gusta transformar os ideais en realidades".

A medalla ás redeiras quere recoñecer un sector tradicional e amplamente feminizado así como esencial no desenvolvemento da costa galega. Pola Federación Galega de Redeiras  Artesás 'O Peirao' recolleu o galardón a súa presidenta Verónica  Veres.

A francesa afincada na Galiza Jeanne Picard fundou Stop Accidentes após o falecemento no ano 2000 dun dos seus tres fillos nun accidente de tráfico. Picard dixo sentirse "moi honrada" e tivo palabras de recordo ao seu fillo falecido hai 19 anos. "Era educador social, ecoloxista activo. Amaba Galiza, as súas paisaxes, as súas xentes, e defendíaa. Seguindo o seu ideal, transformamos a súa dor na nosa loita activa".

A piragüísta Teresa Portela conta con 14 medallas no Campionato Mundial deste deporte, 17 no Campionato Europeo e cinco diplomas olímpicos tras participar en cinco Xogos entre os anos 2000 e 2016. Portela agradeceu o apoio da súa familia, afirmou sentirse "orgullosa de ser galega "e resaltou o "poder feminino para enxalzar Galiza".

Benedicta Sánchez, de 83 anos e nada no Corgo, estrouse como actriz no filme ‘O que arde’ de Óliver Laxe, recentemente premiado no Festival de Cannes e, aínda que ela dixo non considerarse "merecedora" da Medalla, colaborou en levar o cinema galego e en lingua galega ao máis alto.