Xuízo do Alvia

A maxistrada do xuízo de Angrois admite como proba unha 'montaxe audiovisual' de Adif que incrimina o maquinista

Primeira sesión do xuízo polo accidente de Angrois. (Europa Press)
A xuíza explicou que "evidentemente é unha proba de parte" con "interese lexítimo", pero non se pronunciou sobre a forza do seu valor probatorio.

A xuíza Elena Fernández Currás admitiu introducir no procedemento como "proba de parte", aínda que "sen prexuízo do seu valor probatorio", o último vídeo presentado polo Administrador de Infraestruturas Ferroviarias (Adif), unha montaxe audiovisual que pretende atribuír varios erros ao maquinista, Francisco José Garzón, que provocaron o accidente do tren Alvia en Angrois o 24 de xullo de 2013.

A maxistrada explicou que "evidentemente é unha proba de parte" con "interese lexítimo", pero non se pronunciou sobre a forza do seu valor probatorio.

Porén, Fernández Currás coincidiu nalgunhas das dúbidas mostradas polas partes. "É alguén conducindo un tren por ese traxecto, non se sabe nin que día, nin cando, nin que velocidade, nin quen o gravou", sinalou, antes de apuntar que a velocidade que toma o convoi da montaxe "non é de 200 (quilómetros) por hora".

"Desde logo, cabe pensar todo o que se queira con respecto dun vídeo que se achega no ano 2022", dixo ao responder as impugnacións de varias das acusacións, entre elas a do avogado da Plataforma de Vítimas do Alvia 01455, Manuel Alonso Ferrezuelo.

Impugnación do vídeo

Os avogados das vítimas do sinistro ferroviario solicitaran a impugnación do vídeo como proba ao entender que “está gravado co claro ánimo de exculpar” o director de Seguridade de Adif no momento do accidente, Andrés Cortabitarte, e “estabelecer a única responsabilidade do maquinista”.

Para o letrado da plataforma de vítimas, o vídeo “non cumpre cos requisitos” pola Lei de axuizamento civil para ser unha proba legal. “Descoñecemos por que persoas foron editados”, lamentou Ferrezuelo, que reivindicou o “dereito” das partes implicadas no xuízo a “tomarlles declaración”.

Pola súa parte, o avogado do Estado Javier Suárez, encargado de representar Adif na causa xudicial, defendeu o valor do vídeo como mero "documento gráfico explicativo", e non como "reprodución" do que ocorreu na tarde do 24 de xullo de 2013.

"O único que quixemos foi plasmar en imaxes datos que xa constan na causa mediante fotografías e mediante proba documental do que o maquinista puido ver o día dos feitos", alegou.