Saúde

Maxia, relixión e ciencia: o poder curativo da medicina popular galega

Á pedra dos cadrís, na contorna do Santuario da Barca de Muxía, na comarca de Fisterra, atribúenselle propiedades curativas. (Foto: Art Natura)
A última obra de Rafael Quintía analiza a etnomedicina galega desde a Antropoloxía.

O termo etnomedicina fai referencia á medicina propia de cada cultura, uns coñecementos que son transmitidos de xeración en xeración de maneira oral. Na etnomedicina unha parte moi importante está ocupada pola etnofarmacoloxía ou uso de determinados extractos botánicos como terapéuticos. Mais tamén hai unha parte fundamental que son os rituais, a relixión e a maxia.

A etnomedicina galega "recolle elementos moi antigos que formaban parte doutras medicinas que no seu día foron oficiais, como é o caso da medicina hipocrática", afirma o antropólogo Rafael Quintía a Nós Diario, que vén de publicar un compendio dos aspectos máis destacábeis que compoñen a medicina popular galega: A etnomedicina galega. Achegas desde a Antropoloxía (AB Origine, 2023).

Xunto a estes elementos antigos da medicina popular galega, Rafael Quintía sinala outros aspectos procedentes da etnobotánica, das plantas, así como "a participación da persoa enferma no propio proceso curativo, e incluso da sociedade, a curación comunitaria". Isto, di o antropólogo, está moi vinculado á chamada "xeografía da curación: lugares concretos que se consideran propicios para a curación, santuarios, penedos ou determinados elementos".

Mais a medicina popular galega ten tamén unha importante compoñente relixiosa, reflectida na mesma clasificación dos sistemas de saúde, a cal inclúe enfermidades cuxa orixe "ten que ver coas crenzas relixiosas". Isto xerou uns procesos de prevención onde se usan amuletos, ritos, sistemas de curación que mesturan maxia e relixión con aspectos de carácter científico, como é o uso de plantas.

Infinidade de remedios

A etnomedicina galega foi tratada ao longo da historia por parte de diferentes autores cunha variedade de enfoques. Persoeiros como Vicente Risco, Fraguas, e incluso médicos realizaron traballos que, non obstante, non estiveron sempre enfocados cunha lente de obxectividade e moitos investigadores centraron os seus traballos desde unha perspectiva prexuizosa. Porén, Quintía analiza estas prácticas e saberes tradicionais da Galiza, así como a relación que manteñen coa biomedicina ou medicina moderna actual, desde unha ollada antropolóxica.

Como está artellado este sistema de saúde tradicional, isto é, como é a clasificación dos problemas de saúde desde a medicina popular, como son as medidas preventivas, as diagnoses, os síndromes especificamente culturais, os especialistas da medicina popular, os diferentes recursos curativos, o poder da palabra ou o papel da maxia e da relixión neste sistema tradicional de saúde son algúns dos múltiples temas que aborda o antropólogo.

A obra tamén inclúe un percorrido por tratamentos, ritos e prácticas vinculadas á curación dalgunhas das doenzas máis habituais tratadas na medicina popular, "como son os males de aire, os males de ollo, o aire de bicho ou pezoña, remedios curativos para doenzas da pel, todo o que ten que ver con problemas das vías respiratorias", enumera Rafael Quintía, nunha listaxe de enfermidades para as que a etnomedicina galega ten remedio e que semella non ter fin.

Unha ollada á medicina popular desde a Antropoloxía

O antropólogo Rafael Quintía vén de publicar o seu último libro: A etnomedicina galega. Achegas desde a Antropoloxía (AB Origine, 2023), unha obra que xorde dun "traballo de investigación desenvolvido ao longo de perto de dúas décadas" e coa que Quintía busca compendiar os elementos máis significativos que configuran a etnomedicina galega, cuxo obxectivo non é outro que algo tan fundamental como é salvagardar a saúde.