As matronas piden "estar preto das embarazadas porque a atención en liña é un parche"

A xinecóloga Tania Manrique e a auxiliar Carmen Villar atenden unha paciente en consulta de embarazo [Imaxe: Europa Press].

Reivindican a importancia do acompañamento ás xestantes, especialmente na situación "angustiosa" e "incerta" provocada pola Covid-19. 

A pandemia da Covid-19 paralizou, e nos mellores casos, só alterado, a vida de moitas persoas. Tamén o fixo coas embarazadas que, nunha das experiencias máis importantes da súa vida, viron como consultas, probas e outras citas médicas eran suspendidas, aprazadas e para moitas, no caso da educación maternal, canceladas.

"As embarazadas, a pesar de ser un grupo especialmente vulnerábel, foron as grandes esquecidas desta crise sanitaria, sentíronse soas", afirmou María Porto, responsábel do grupo de Facebook “Embarazadas Galicia”, "unha comunidade creada para que estas mulleres teñan un sitio no que desafogar e compartir experiencias".

Esta incerteza estendeuse a todos os aspectos que leva consigo un embarazo, desde a atención en consulta e todo o relacionado á presenza de acompañantes nas ecografías, até no que respecta á educación maternal, tanto preparto como posparto, que adoitan impartir as matronas.

A figura da matrona no embarazo

A figura da matrona é vital durante todo o embarazo. Complementan o traballo de xinecoloxía realizando o seu propio seguimento durante a xestación. Tamén están presentes no momento do parto, onde controlan o proceso de dilatación. Máis aló da axuda máis "física", a matrona "é un apoio esencial para a nai a nivel psicolóxico e emocional, aspectos que tamén se encargan de vixiar".

A matrona "é un apoio esencial para a nai a nivel psicolóxico e emocional, aspectos que tamén se encargan de vixiar"

Educación maternal paralizada

"A pandemia paralizou todo o relacionado coa educación maternal presencial nalgunhas áreas e, aínda que moitas matronas tentaron seguir ofrecendo esta formación de forma telemática, non é o mesmo", sinala a presidenta da Asociación Galega de Matronas, Isabel Abel.

Moitas xestantes destacaron tamén a "soidade" á que se enfrontaron neste sentido. "Pérdese o contacto directo, e non só coa matrona, tamén con outras embarazadas. Esa parte social, nuns momentos tan sensíbeis, é vital: compartir experiencias, dúbidas etc.", explica a responsábel de Embarazadas Galicia.

Máis aló das clases, vixiar a evolución tanto das nais como dos bebés tras o parto é outra das tarefas das que se ocupan as matronas que se viu afectada pola crise sanitaria.

As xestantes que viviron o seu embarazo na "época dura" -durante o ano 2020- sentiron tamén o "abandono" neste sentido. "Non souben nada da matrona", recoñece unha das mulleres que deu a luz en 2020 no Hospital do Salnés. "Tiven unha soa consulta posparto. Tiven que chamar eu, ela non se puxo en contacto, e pedir cita", indica outra que tivo o seu bebé a principios deste 2021 no Clínico de Santiago.

"As consultas durante o embarazo tamén se reduciron, en teoría, porque "estaba todo ben e non facía falta", mais é o meu segundo embarazo e sei que as cousas non son así", sinala unha das mulleres

Aquelas que están a vivir a experiencia este ano coinciden en que a situación mellorou, mais destacan que as matronas "están excedidas". "As consultas durante o embarazo tamén se reduciron, en teoría, porque "estaba todo ben e non facía falta", mais é o meu segundo embarazo e sei que as cousas non son así", sinala unha das mulleres que si puido volver ás clases presenciais de educación maternal.

Necesidade da atención presencial 

"A atención no posparto ten que ser presencial, é indispensábel. Aínda que certos aspectos, como resultados, coméntense por teléfono, hai cousas como a lactación ou a evolución emocional da nai, que non se poden avaliar así", destaca Isabel Abel.

As propias matronas víronse superadas pola situación e tentaron, algunhas cos seus propios medios, estar á beira das mulleres embarazadas. "En atención primaria tentamos acompañar as mulleres na medida do posíbel, tentando manter as clases de educación maternal presenciais, aínda que fosen en grupos reducidos e en salas que houbo que acondicionar á mantenta", indica unha matrona do centro de saúde de Fontiñas.

"Tentámolo mesmo individualmente, aínda que se perdese esa parte máis social, e algunhas compañeiras mesmo telematicamente, pero non foi fácil", critica a enfermeira.

Durante a pandemia, Internet converteuse no salvavidas de moitas persoas e o único medio de traballo viábel en moitos sectores, tamén para matronas e embarazadas. "Cando empezou a desaparecer a educación maternal presencial, a Administración non nos deu tampouco a opción de facelo dixitalmente. Así que decidimos utilizar os nosos propios medios, pero hai profesionais que non están familiarizadas con todo isto", explica a matrona.

O que aínda non temos é unha contorna segura para facer as conexións", denuncia

"Tras moito insistir", explica a enfermeira da área de Santiago, o Sergas comezou a enviar cámaras. "En Ferrol, por exemplo, xa as utilizan, pero en Santiago aínda están a empezar a chegar. O que aínda non temos é unha contorna segura para facer as conexións", denuncia.

Clases en liña desde Verín 

O colectivo de matronas do Hospital de Verín enfrontouse a unha situación similar. Ante a supresión "abrupta" da actividade presencial en marzo de 2020, comezou a impartir as clases por videoconferencia en abril dese mesmo ano para embarazadas de toda Galiza.

"Aínda que tiñamos un teléfono activo as 24 horas, vimos que non era suficiente e, fóra do noso horario laboral, nas nosas casas, cos nosos propios medios, empezamos a ofrecer a formación relativa aos coidados antes e despois do parto, lactación, saúde mental perinatal e en caso de duelo, entre outros aspectos", explica Begoña Pérez, participante na iniciativa, que recoñece ademais que, até que o Sergas facilitou os medios técnicos, utilizaban as súas propias cámaras e pagaban a súa propia conta na plataforma Zoom.

"Desde que empezamos, asistimos a máis de 700 mulleres, e seguimos sumando", indica Begoña Pérez

Nas súas clases telemáticas, as matronas de Verín atenden, de media, a unhas 30 ou 35 mulleres por sesión, aínda que en momentos puntuais chegaron a contar con 70 “alumnas”. "Desde que empezamos, asistimos a máis de 700 mulleres, e seguimos sumando", indica Begoña Pérez.

As clases continúan activas, agora por duplicado: impártenas de forma presencial e en directo mediante unha plataforma facilitada polo Servizo Galego de Saúde, que tamén habilitou a biblioteca do hospital ourensán para os grupos presenciais. "Tivemos que adaptarnos, pero isto é un parche. A presencialidade é esencial nestes casos. As embarazadas necesitan o contacto directo entre elas e coa matrona, é unha cuestión de empatía", insiste Begoña.

"de non ser polo movemento iniciado polas propias mulleres, e apoiado por moitos profesionais, os dereitos das xestantes, e dos seus bebés, seguirían sendo vulnerados".

Xestantes e matronas coincidiron na "temporalidade" destas solucións e reclamaron "unha mellor planificación" e, sobre todo, "máis persoal". "As matronas estaban até arriba", sinala unha das embarazadas consultadas por Europa Press.

"Aínda que foi, e está a ser, unha etapa complicada, profesionalmente é moi satisfactorio ver o agradecidas que están as mulleres. Sentíronse soas e tentamos achegar o noso gran de area", recoñece a matrona do Hospital de Verín, que destaca ademais que "de non ser polo movemento iniciado polas propias mulleres, e apoiado por moitos profesionais, os dereitos das xestantes, e dos seus bebés, seguirían sendo vulnerados".