Mulleres embarazadas ante a Covid-19: prevención e protocolo en caso de contaxio

Servizos de emerxencias ás portas do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Europa Press)
O falecemento dunha xestante por coronavirus, baixo sospeita.

A morte dunha muller embarazada de 37 anos no Hospital Materno Infantil da Coruña o pasado domingo foi, segundo o Servizo Galego de Saúde, a primeira dunha xestante infectada polo coronavirus. O seu falecemento e o do seu bebé, durante unha cesárea de urxencia, motivou a intervención do Defensor do Paciente, quen solicitou á Fiscalía Superior da Galiza unha investigación sobre as circunstancias destas mortes. A familia da muller, natural de Carballo, mantén que non tiña ningunha patoloxía crónica previa, ao contrario do que sinala o informe sanitario, e lamenta que non se lle fixese a autopsia antes de incinerar o corpo.

"Existen moi poucos datos referidos á infección por SARSCoV-2 durante o embarazo, con todo, os datos existentes acerca da infección por outros coronavirus similares permiten concluír o posíbel efecto do SARS-CoV-2 na muller embarazada". Así, con estas palabras, comeza a debullar o Ministerio de Sanidade as recomendacións de manexo das mulleres xestantes e dos bebés con COVID-19, a infección provocada polo novo coronavirus.

No documento técnico de 20 páxinas dirixido ao persoal sanitario, o Ministerio detalla as poucas evidencias constatadas e os protocolos hospitalarios de actuación relacionados coa recepción das mulleres embarazadas, traslado, diagnóstico, tratamento ou finalización do parto, así como dos coidados específicos destinadas ás crianzas acabadas de nacer e ao puerperio.

Poboación de risco

De entrada, "parece que as embarazadas non son máis susceptíbeis de infectarse por coronavirus" que calquera outra persoa adulta, advirten as autoridades sanitarias, mais "dado o risco potencial do SARS-CoV-2" entre as xestantes, deben protexerse e evitar o contaxio.

Con carácter xeral, as recomendacións para as embarazadas durante os meses de xestación e puerperio coinciden coas do resto da poboación: lavado frecuente de mans, cubrir a boca coa cara interna do cóbado ao tusir ou esbirrar, evitar tocar os ollos, o nariz e a boca e usar panos dun só uso para eliminar secrecións respiratorias; ademais de limitar  as relacións sociais, as viaxes, as aglomeracións, as visitas e o uso do transporte público, agora restrinxidos polo estado de alarma.

En caso de sintomatoloxía, as autoridades recomendan autoillarse no propio domicilio e poñerse en contacto cos servizos sanitarios para convir en cada caso o procedemento a seguir.

Positivo por coronavirus

Ante un caso de infección por SARS-CoV-2 nunha paciente embarazada, as autoridades sanitarias recomendan "adoptar as mesmas medidas de illamento que en doentes infectados non xestantes", tanto na casa, se as condicións son boas, como nun centro hospitalario.

Neste caso, indican, o manexo da muller embarazada "correrá a cargo dun equipo multidisciplinar encargado de estabelecer o lugar máis adecuado para o correcto tratamento do binomio nai-feto" de forma que facilite o control e unha actuación rápida en caso de calquera deterioración ou dun parto prematuro.

As profesionais, recolle o escrito, deberán ter en conta as semanas de embarazo así como calquera cambio no benestar fetal, "posíbel indicador" dun empeoramento da nai.

Cando a xestante con COVID-19 permaneza illada no seu domicilio, ben desde o inicio ben após un ingreso, deberá avisar o centro que controle o seu embarazo de que se encontra nesa situación e comunicar que ten citas programadas antes de acudir. Ademais, Sanidade recomenda non acudir a urxencias se non é estritamente necesario, e en todo caso, avisar das súas circunstancias se, finalmente, opta por ir.

Finalización do embarazo

"Nos casos graves, a finalización do embarazo debe considerarse en función do estado clínico da nai, as semanas de xestación e de acordo co equipo de Neonatoloxía. A decisión ha de ser multidisciplinar", incide a memoria, que convida a resolver o nacemento no mesmo cuarto de illamento, con todas as medidas asistenciais e de protección activas, para a nai, para o bebé e para as propias profesionais.