A loita identitaria tamén se libra na matrícula: Interior, obrigado a revogar multas por colar o 'GZ' por riba do 'E'

Un vehículo co adhesivo 'GZ' tapando o 'E' da matrícula. (Foto: Nós Diario)
Cubrir cun adhesivo o 'E' de España nas placas dos vehículos non é obxecto de sanción segundo a lei, que unicamente estipula que non poderá presentar "obstáculos que impidan ou dificulten a súa lectura ou identificación". Por este motivo, o Ministerio anula as multas impostas.

O cambio de milenio trouxo consigo importantes mudanzas: a chegada do euro era inminente, a Internet gañaba terreo en todos os ámbitos e as matrículas dos vehículos pasaban a ter catro números e tres letras. O Goberno de José María Aznar impulsou no ano 2000 unha modificación viaria que tamén suprimía os distintivos provinciais e engadía a bandeira da Unión Europea baixo o 'E' de España. A nova norma suscitou numerosas críticas xa daquela, ao entenderen diferentes forzas políticas do Estado que cumpría agregar unha insignia propia de cada comunidade autónoma.

E así o fixeron, á marxe da oficialidade, centos de persoas que colaron os distintivos 'GZ', na Galiza, ou 'CAT', en Catalunya... mais toparon coas autoridades. Casos como os dos ex deputados cataláns Joan Tardà (ERC) ou Carles Campuzano (Convergència) tiveron repercusión en todo o Estado español, e mesmo o Govern chegou a polemizar cos Mossos sobre a pertinencia das sancións.

Unha desas moitas persoas que optaron por situar o distintivo propio por riba do 'E' español foi o secretario de Organización do BNG, Bieito Lobeira. O 'GZ' preside as matrículas dianteira e traseira do seu coche desde hai anos, algo que, asegura en conversa con Nós Diario, nunca resultou indiferente ás patrullas da Garda Civil de Tráfico.

"Chegaron a pararme dúas veces no mesmo día e cunha diferenza duns dous quilómetros", sinala Bieito Lobeira

Lobeira foi abordado polos axentes en reiteradas ocasións e en diferentes lugares: A Gudiña, Foz, Compostela, Curtis... "Foron tantas e durante tantos anos que non podo lembrar o número exacto", apunta. De feito, nun mesmo día foi obrigado a deter o vehículo en dúas ocasións diferentes, "nun treito de só dous quilómetros". "Semellaba ser intencionado", sostén.

Algunhas veces o trato era "cordial"; outras, pola contra, foi "absolutamente improcedente" a actuación da Garda Civil: "Chegaron a rexistrar o meu coche e a facer comentarios sobre a bandeira da patria que tamén colei".

Aquela mudanza legal de Aznar, defende Lobeira, foi "un novo intento do Goberno español que uniformizar a simboloxía e evitar calquera tipo de distinción entre as nacións do Estado". "Entramos no debate do simbólico. Aquí desde hai tempo hai unha persecución da simboloxía galega, como a requisa de bandeiras nos estadios ou as multas a embarcacións por levala", lamenta.

"A un axente díxenlle unha vez que se levase un adhesivo de Mickey Mouse no canto do 'GZ' non habería problema ningún; queren anular os nosos símbolos", engade.

"Se o adhesivo impedía identificar o vehículo, como é posíbel entón que me chegasen as multas á casa?", cuestiona

Porén, Bieito Lobeira negouse unha e outra vez a cumprir a demanda dos axentes de retirar o adhesivo e recorreu cada multa que recibiu. O desenlace fíxose esperar, mais o Ministerio do Interior acabou por darlle a razón e agora vén de comunicarlle que todas as sancións quedan revogadas. "Curiosamente, desde entón non me volveron parar. Saben que teñen a batalla perdida", celebra.

Resolución do Ministerio do Interior que lle dá a razón.

"A xustificación das multas era que non se podía identificar o vehículo; porén, a pregunta é: como é posíbel entón que me cheguen as notificacións á casa? Aliás, cómpre lembrar que o Estado español é o único da UE que ten catro díxitos e tres letras na matrícula, polo que tampouco podería haber confusión", explica.

Neste senso, a Lei de Tráfico vixente na actualidade unicamente recolle como infracción que a placa presente "obstáculos que impidan ou dificulten a súa lectura ou identificación", sen facer alusión ningunha a tapar o 'E', feito polo cal Interior tivo que anular as sancións.

Para Lobeira, esta 'batalla' identitaria e simbólica transcende do plano persoal: "É unha vitoria colectiva que senta precedente".