Matilde García: "As persoas maiores teñen moito que achegar, son proactivas e gozan do momento "

A directora da Universidade Sénior da Universidade da Coruña (UDC), Matilde García Sánchez (Foto: Universidade Sénior)
O Programa Universitario para Maiores de 50 anos da Universidade da Coruña puxo en marcha unha nova edición do proxecto de formación universitaria específico para persoas adultas, primeiro no mes de abril no municipio de Zas e agora en maio no das Pontes. A súa directora, Matilde García Sánchez, conversa con Nós Diario sobre esta experiencia, non tan coñecida, que conta na actualidade con case un milleiro de alumnas e alumnos entre os seus campus da Coruña e Ferrol. 

De que maneira funciona unha universidade sénior?

É para estudantes maiores de 50 anos e busca ofrecer formación ás persoas que unha vez que conclúen a súa vida laboral queren unha solución para as súas inquedanzas a nivel cultural. Cos programas universitarios procuramos darlle visibilidade ás persoas maiores e que dalgunha maneira tamén contribúa a construír unha imaxe máis positiva desa etapa da vellez

O perfil que temos presenta unha idade de entre 60 e 70 anos e teñen en común que non están traballando. Poden ser persoas xubiladas, prexubiladas ou desempregadas. Realizamos programas específicos para este colectivo posto que non perseguen, neste caso, alcanzar unha competencia profesional. A idea é cultivar a mente, propiciar a reflexión sobre a cultura, os valores e facilitar os maiores coñecementos para aprender a desenvolverse nunha sociedade tan cambiante como a que temos neste momento. 

Procuramos que as materias que hai no plan de estudos teñan todas as ramas de coñecemento, neste caso da nosa universidade, desde humanidades a ciencias sociais, ciencias e tecnoloxía e ciencias da saúde. O programa dura catro anos e, ao remate, obtense o título de graduado sénior. Non hai avaliación, polo que é unha aprendizaxe moi tranquila, non se senten sancionados nin lles obrigamos a realizar probas que moitas veces rexeita o estudantado. 

A dedicación é de dous a tres días á semana con materias obrigatorias e optativas. Ademais, temos obradoiros, saídas e conferencias. Tamén existe unha posibilidade de posgrao. O certo é que quen entra continúa. Agora mesmo a media de estadía é de 14 anos.     

Algunhas das experiencias educativas positivas da universidade sénior poderían aproveitarse na universidade convencional?

A sénior ten un compoñente especial. O formativo, que participa da misión da propia universidade, mais o ámbito social que busca o alumnado maior. No grao júnior queren rematar rápido eses catro anos, conseguir o seu título e incorporarse ao traballo, facer un máster ou unha estancia. O obxectivo é totalmente diferente, non é unha ensinanza regrada. É certo que noutras universidades esa formación permanente nesa franxa de idade nalgúns títulos trabállase esa competencia. No noso caso buscamos un obxectivo interxeracional de forma que os que rematan o grao sénior poidan compartir as aulas coa mocidade.

Hai unhas prazas reservadas que poden ocupar como oíntes. O intercambio é marabilloso. O estudantado novo percibe as inquedanzas dos maiores de aprender sen ningún tipo de obriga e estes moitas veces participan. Desde o Plan Boloña mudaron moitas cousas. A aprendizaxe é diferente e hai máis participación e non tanto a lección maxistral nos estudos regrados, búscase máis a autonomía do alumnado. Aínda así, hai cousas por mudar.

A pandemia trouxo mudanzas na universidade sénior?  

Con esta pandemia cambiou o sistema a empregar como consecuencia da non presencialidade. Tivemos que traballar e reflexionar máis. A imaxe dos maiores está moi estereotipada e cando se falaba de ir á aprendizaxe virtual nun principio a previsión era de que sería moi complicado. Como rachar coa fenda dixital dos maiores? En realidade hai un perfil que se desmarca desta visión nas últimas décadas e teñen máis competencia dixital. As persoas maiores teñen moito que achegar, son proactivas, gozan do momento e integraron nas súas vidas as novas tecnoloxías, polo que están máis actualizadas e informadas.