O Materno di que as mulleres son ingresadas en xinecoloxía para preservar a súa intimidade

Admite que non se levan a cabo os abortos a partir da 14ª semana de xestación coas mesmas garantías que un parto.

O Hospital Materno Infantil da Coruña asegurou en declaracións recollidas pola Cadena Ser que os abortos naqueles embarazos de máis de 14 semanas de xestación non se desenvolven coas mesmas garantías que as dun parto, porén, acrecentan desde o hospital, son trasladadas á área de xinecoloxía para preservar a súa intimidade. 

Desde o COF sinalan que "non hai matronas", unicamente "a supervisora"

Destarte, continúan as explicacións d@s responsábeis, nesa área sempre habería un xinecólogo, unha matrona e unha enfermeira para as atender. Cuestión, que é revatida desde o Centro de Orientación Familiar (COF) e tamén desde as organizacións sindicais que, denuncian, as mulleres teñen que afrontar os partos inducidos en solitario. “Non hai matronas, só enfermeiras”, explicaba Chus Díaz Anca en conversa con Sermos Galiza ao tempo que daba conta da existencia dunha única matrona no andar que é, para alén do máis, "a supervisora". 

Neste senso, o persoal sinala que para seren atendidas coas debidas garantías as mulleres deberían ser ingresadas nunha sala habilitada para partos onde poderían ser anestesiadas e contar coa supervisión dunha matrona. Esta cuestión foi reclamada desde o COF e tamén desde a Plataforma en defensa do dereito ao aborto da Coruña nun escrito remitido á Xerencia da área sanitaria da Coruña no mes de xullo de 2015. Escrito que non foi respostado o que motivou a concentración convocada para esta quinta feira (18 de febreiro) ás 12h. perante o CHUAC.