O Goberno español non fecha Madrid

Pedro Sánchez di que "non hai territorios" na loita contra o coronavirus.
Varios turistas con maletas saíndo da Estación de Atocha (Madrid), durante o estado de alarma decretado polo coronavirus (imaxe: Europa Press)
photo_camera Varios turistas con maletas saíndo da Estación de Atocha (Madrid), durante o estado de alarma decretado polo coronavirus (Imaxe: Europa Press)

"Non existen territorios” na crise do coronavirus, repite o presidente do Goberno español Pedro Sánchez cando nas súas comparencias se lle pregunta pola posibilidade de fechar Madrid e outros territorios. Porén, antonte si se bloquearon as fronteiras terrestres do Estado español e onte aceptouse a petición do Govern balear para blindar as illas.

A suspensión das aulas en Madrid por ser este o principal foco de contaxio da COVID-19 propiciou un retorno a Galiza de mocidade sen as autoridades pór ningún tipo de control nin recomendacións para evitar aglomeracións no transporte público e a posta en marcha de medidas para protexer a poboación maior na Galiza.

Non houbo ordenamento da ‘operación retorno’ para garantir o regreso seguro das galegas e galegos a pesar de ser evidente que se produciría. Tampouco se preveu a chegada de madrileños con segunda vivenda na costa da Galiza. Veciñanza de vilas costeiras denunciaban, tal e como recolleu Nós Diario, o comportamento vacacional e sen precaucións de numerosos turistas nun país  que conta cunha pirámide poboacional fortemente invertida.

O Goberno murciano (PP-Cs) obrigou ao confinamento en municipios costeiros debido á chegada de turistas e forzas como a valencianista Compromís demandaron o feche inmediato de Madrid ao ver tamén o alto risco sanitario que a afluencia turística estaba a provocar na costa levantina.

O Govern catalá de Quim Torra voltou a solicitar onte mesmo a Pedro Sánchez o feche da capital española e que ordease o confinamento obrigatorio de toda Catalunya, a excepción do persoal sanitario e daquelas persoas que traballen en servizos indispensábeis. A consellera da presidencia, Meritxell Budó, afirmou onte que "non se trata de política nin de pór uns territorios contra outros. Trátase de tomar as medidas máis eficientes”.

Pese a non terse decretado aínda o feche de Madrid, a semana pasada semellaba inminente

Pese a non terse decretado aínda o feche de Madrid, a semana pasada semellaba inminente. O 12 de marzo a propia presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso (PP), non descartou que a capital se fechase para evitar a propagación do contaxio por todo o Estado. “Non teño competencias para iso, poñerei sobre a mesa todas as medidas para protexer a saúde dos cidadáns, pero non depende de nós (...) a decisión tería que tomala o Goberno de España”, dixo Ayuso. O alcalde de Madrid, José Luis Martínez-Almeida, tamén do PP, aseguraba nunha entrevista o pasado sábado que o feche da capital estaba “máis perto do que pensamos” e asegurou que dependería da evolución do pico de contaxios.

Balears si se fecha

A presidenta balear, Francina Armengol (PSOE), pediu o illamento do arquipélago para reducir o contaxio do coronavirus e o Executivo español aceptouno, segundo confirmou a propia Armengol no día de onte, ao tempo que anunciou que se procederá ao feche de portos e aeroportos.

Blíndase así Balears, que rexistra segundo os últimos datos fornecidos polo Ministerio a 17 de marzo, un total de 92 casos de contaxio, mentres que a Galiza conta con 305 e Madrid con 4.871.

A posibilidade de blindar Galiza segundo os partidos

Aproveitando que desde onte a Galiza ten a fronteira sur fechada por terra, Nós Diario conversa sobre a idoneidade de blindar o territorio galego cos congresistas Celso Delgado (PPdeG), Antón Gómez-Reino (Unidas Podemos), Néstor Rego (BNG) e o parlamentario Xoaquín Leiceaga (PSdeG).

Celso Delgado sinala que “non existe un confinamento de ningún territorio do Estado pero si limitacións ao desprazamento de persoas. O que toca é cumprir as normas e estar pendentes das modificacións que se fagan”. Sostén Delgado que esta situación sanitaria “non é unha cuestión de límites territoriais, pois estamos nun espazo común”, e engade que “o coronavirus non entende de fronteiras”.

Para Xoaquín Fernández Leiceaga a cuestión non se debe formular “en termos dunhas comunidades autónomas fronte a outras nin de pechar territorios sen máis”. Considera precisa a redución da mobilidade das persoas e o contacto social para frear a propagación e incide en que “non é un tema das comunidades". 

Para o deputado nacionalista Néstor Rego é evidente que se podería ter pechado Madrid. “Teríase que ter aprendido de Wuhan ou Lombardía, e illar o principal foco de contaxio, evitando que se diseminase. É unha cuestión de sentido común”, recalca. Con todo, considera que “aínda se está a tempo de facer o feche porque a cadea de contaxio vai crecendo". Para Rego “a Galiza xa se debera ter blindado desde o primeiro momento, cando practicamente non había contaxios, sendo ademais evidente que boa parte dos contaxios tiñan relación directa con Madrid”. O nacionalista pide “o mesmo que acaba de facer Balears, que está pechando todas as comunicacións co exterior” e apostila que “unha vez fechada a fronteira da Galiza con Portugal, é relativamente fácil fechar a fronteira con España, así como a aérea e marítima”. 

Antón Gómez-Reino, que onte comunicou que deu positivo na proba do coronavirus, afirma que "calquera decisión destinada a conter a epidemia ten que estar fundamentada nas recomendacións das e dos expertos sanitarios e debe estar destinada en exclusiva a protexer o interese xeral da cidadanía. Quen pense que a expansión do coronavirus na Galiza vaise resolver aplicando medidas baseadas no interese electoral dun partido, erra".

O experto Mitjà reclama un “confinamento total”

A ausencia de medidas para o confinamento e a chegada descontrolada a Galiza de persoas desde Madrid foron criticadas nunha entrevista polo reputado epidemólogo Oriol Mitjà, investigador que lidera un estudo do Departamento de Saúde de Catalunya para evitar os contaxios de coronavirus.

Mitjà exixiu a través de Twitter a dimisión do comité de emerxencia español. “O país está na UCI e o médico que o tratou cometeu demasiados erros. Mellor cambiar de médico”, escribiu. "A neglixencia manifestouse coa reiterada falta de anticipación e a incapacidade de predicir unha epidemia que era evitábel", lamentou.  

Comentarios