A masificación "matará" o Camiño de Santiago, segundo as entidades xacobeas

Grupo numeroso de peregrinas e peregrinos do Camiño de Santiago descansando ao carón dunha estrada (Foto: @hosvidalet).
Entidades como Fraternidade Internacional do Camiño de Santiago (FICS) e Camiño Francés Federación critican a situación do Camiño de Santiago. Culpan a Xunta e a Catedral de Santiago de buscar só boas estatísticas 

A masificación do Camiño de Santiago, nomeadamente o Francés, tamén está a ser fonte dun intenso debate nas entidades e asociacións que traballan desde hai anos no seu coidado e dignificación. Para elas non é unha situación nova ver ateigados os treitos últimos até Compostela e demandan que se teña en conta a súa voz, que representa as peregrinas e peregrinos de todo o mundo que fan esta ruta histórica ao longo de todo o ano. 

Un exemplo é a Fraternidade Internacional do Camiño de Santiago (FICS) que denuncia en rolda e prensa desde a mesma sinalización do quilómetro 100 antes de chegar a Compostela, en Paradela, o problema que creou “un invento moderno dos anos 90 como é a Compostela” convertendo “un fenómeno universal nunha verbena que nos supera”.

Un dos seus vogais, José Antonio de la Riera, sinala a Nós Diario que o problema vén “da necesidade que ten a Xunta de exhibir unhas estatísticas absolutamente fóra de lugar nun momento en que lugares como París e Venecia procuran todo o contrario”. Para este experto no Xacobeo, a Administración galega está “nun curtopracismo absurdo” que acabará “por matar o potencial que ten e que levou moitos anos levantar”. Asegura que esta "grave" situación xa é un dos principais temas de discusión nos faladoiros internacionais de peregrinaxe.

“Agora mesmo está instalada a alternativa de rematar o Camiño a pé en Sarria, Tui ou Melide, no caso do Camiño Primitivo para continuar até Santiago en autobús”, asegura De la Riera, “xa avisamos que será unha burbulla peor que a inmobiliaria, sen contar coa problemática de xentrificación que vive a propia capital da Galiza”, engade.

Para a FICS a culpa desta situación é da Fundación Catedral de Santiago “coas súas estatísticas de bos cristiáns” e a Xunta que pon por diante “canto turismo chega polo Camiño”.

Perda da "identidade" e experiencia "negativa"

O presidente de Camiño Francés Federación, Miguel Pérez Cabezas, defende a “identidade” deste percorrido, que ten unhas singularidades propias “máis alá do turístico, do cultural ou de ser un roteiro de sendeirismo”. Explica a Nós Diario que con eses elementos “hai milleiros de propostas no mundo” mais o Camiño “conta coa experiencia especial, por exemplo, da acollida polos lugares onde pasa”.

A entidade, que agrupa con 18 asociacións e máis de 5.000 socias e socios impulsores, denuncia unha intensa masificación “sobre todo nos 100 últimos quilómetros” creando “unha vivencia negativa para o peregrino e un engano para o turista, ao que se lle vende que ir paseando eses tramos sen mochila é facer o Camiño”.

Pola contra, denuncia que ás romeiras e aos romeiros “créalles problemas de horarios, de lugares ocupados dos que non poden gozar despois de camiñar durante 20 ou 25 días”. 

As entidades recoñecen que non son doadas as solucións mais coinciden na necesidade de repensar a distancia para ter o certificado de peregrinaxe para beneficiar as persoas que fan longas distancias. “300 quilómetros como mínimo ou que eliminen calquera distancia para rematar con esta carreira sen freo”, propón De la Riera, "reducilo aos 100 últimos quilómetros é dispararse un tiro no pé que só contempla unha visión economicista", conclúe.