Educación informa de que o centro Tomás de Lemos perderá 178 estudantes

Masificación co traslado de alumnos no Ribeiro

Un momento da mobilización

Máis de 200 persoas manifestáronse a semana pasada na localidade de Ribadavia para protestar ante a desaparición da ESO no centro Tomás Lemos do mesmo concello. A noticia veu dada pola Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria o penúltimo día de curso, co que a dirección non tivo manobra para realizar calquera queixa formal.

 

Baixo consignas como “Non nos moverán do CPI” ou “Máis educación e menos corrupción”, participaron na mobilización estudantes, nais e pais, profesorado e membros de varios sindicatos como a CIG, UGT e CCOO. Comezou sendo unha concentración no patio do centro mais terminou sendo unha manifestación que percorreu as rúas da vila da comarca do Ribeiro. A marcha rematou na praza maior coa presenza de cargos institucionais do concello coma o propio alcalde socialista, Ignacio Gómez.

 

O protesto efectuouse como resposta á noticia lanzada polo goberno da Xunta de Galiza, en concreto pola Consellaría de Educación, que daba a coñecer o nos últimos días de curso que os cursos superiores que se estaban impartindo no centro Tomás Lemos se trasladarán ao IES O Ribeiro. 

 

Isto supón un total de 178 estudantes que terán que mudar de centro e as aulas do instituto terán que acoller, a partir do ano que ven, máis de trinta alumnas e alumnos por aula.

 

O actual xefe de estudo do Tomás de Lemos, Marcos Mendiguren, séntese decepcionado por ter avisado o día anterior ao remate das aulas e máis cando o centro xa contaba coa planificación do proxecto educativo que se impartiría o vindeiro ano. Segundo conta Mendiguren: “O CPI contaba con dous grupos por curso e o profesorado que impartía aulas adicábase a tempo completo á docencia”. 

 

O centro, despois desta nova, ficará cun total de 306 estudantes de Infantil e Primaria, mais os plans e a matrícula para o ano que vén quedan suspendidas ante a desaparición da ESO. O alcalde de Ribadavia, Ignacio Gómez, sinala que estes cambios son motivo dunha política de recortes do Partido Popular “dende o momento no que se dan a coñecer o derradeiro día de curso”.

 

Asemade, o centro Tomás de Lemos contaba cunha educación personalizada que abarcaba dende os tres anos até os catorce. Os sindicatos mostraron tamén o seu descontento coa nova. A CIG denuncia a futura masificación nas aulas do IES Ribeiro e a perda de docentes. Por outra banda, UXT sinalou a nula vontade negociadora da Delegación Provincial de Educación de Ourense.

 

Non é un caso illado

 

A finais deste curso estamos a ver como son moitos os centros de Ensino Medio os que reciben notificacións sobre cambios no número de docentes, no número de estudantes, etc. O caso do centro de Ribadavia non é algo illado, senón que moitos outros do país están sendo notificados do encerramento do seu centro de estudo e a reubicación tanto de estudantes coma profesores.

 

Unha “política de recortes”, como sinalaba o alcalde de Ribadavia, que leva facendo o goberno galego coa educación pública do país. Exemplos de anos anteriores na provincia de Ourense, podemos destacar a redución de unidades e postos de traballo en centro coma: Padre Feijoo, en Allariz; o CEIP de Sarreaus, no concello de Sarreus; o Manuel Respino, na Rúa de Valdeorras; os CEIP Mariñamansa ou Virxe de Covadonga, en Ourense, entre outros. Ou mesmo a unificación de colexios rurais como na comarca de Monterrei onde se agruparon os centros de Vilaza, Vences, Pazos e Feces de Abaixo.