As máscaras serán obrigatorias nas praias e nos bares

Varias persoas nunha terraza (Ricardo Rubio/ Europa Press)
A Xunta publicou este sábado no DOG a nova normativa que estende o uso da máscara nos espazos públicos e tamén na hostalaría. A multa polo seu incumprimento pode ser de 100 euros.

O Diario Oficial da Galiza (DOG) publicou este sábado 18 de xullo a modificación de medidas de prevención que estaban en vigor desde o día 12 de xuño. Unha semana despois das eleccións o Consello da Xunta, presidido por Alberto Núñez Feixoo aínda en funcións, estende o uso da máscara ampliando os supostos en que o seu uso resulta obrigatorio. Segundo o propio texto do DOG a razón desta medida é pola presenza na Galiza de “persoas asintomáticas que non coñecen a súa condición de portadoras da infección procedan á súa transmisión”.

Prohibición do “botellón” e sen máscara no deporte individual

A norma aprobada prohibe expresamente a actividade habitualmente coñecida como “botellón”, polos “riscos que presenta para a saúde pública, relacionados coa aglomeración incontrolada de persoas e coa ausencia ou relaxación de medidas de seguridade e de distanciamento persoal”.

Quedarán exentas de levar máscaras as persoas que practiquen o deporte individual ao aire libre pode exceptuarse do uso da máscara exclusivamente durante a realización da práctica deportiva e sempre que, tendo en conta a posible concorrencia de persoas e as dimensións do lugar, se poida garantir o mantemento dunha distancia de dous metros con outras persoas non conviventes.

Obrigatoriedade na vía pública e en espazos abertos

A partir deste domingo será obrigatorio o uso de máscara para as persoas maiores de seis anos en todo momento tanto cando se estea na vía pública e en espazos ao aire libre como cando se estea en espazos fechados de uso público ou que se encontren abertos ao público, aínda que se poida garantir a distancia de seguridade interpersoal de 1,5 metros.

Tamén haberá que levar máscara nos medios de transporte aéreo, marítimo, en autobús ou por ferrocarril, así como nos transportes públicos e privados complementarios de viaxeiros en vehículos de até nove prazas, incluído o condutor.

Uso nas praias e estabelecementos hostaleiros

A restrición máis rechamante aprobada polo Consello da Xunta son as referidas ao uso da máscara nas praias, espazos abertos en xeral e na hostalaría.

Nas praias será obrigatorio o uso de máscara en todo momento agás no momento do baño ou cando esteamos tomando o sol gardando a distancia de 1,5 metros entre persoas non convivintes. Nos estabelecementos de hostalaría deberá levarse sempre agás no momento específico do consumo. Nos aloxamentos turísticos a única excepción de uso será nos cuartos e sempre e cando se atopen neles unicamente as persoas que se aloxen nel.

Bo uso da máscara

O DOG sinala que non chega con levar a máscara, tamén ten que facerse un uso axeitado dela. Por iso indica que deberá cubrir desde parte do tabique nasal ata o queixo, incluído.

Ademais, a máscara que se debe empregar non deberá estar provista de válvula exhalatoria, agás nos usos profesionais para os cales este tipo de máscara poida estar recomendada.