Galiza fai obrigatoria a máscara

En praias e piscinas poderá prescindirse da máscara na auga ou ao permanecer sen desprazarse, pero haberá que usala ao moverse. (Europa Press)
A Xunta acordou esta sexta feira estender o uso obrigatorio de máscara en espazos libres e fechados –agás praias, piscinas e locais de hostalaría– como medida de prevención fronte aos brotes de coronavirus que se están a multiplicar no territorio estatal. Até agora era opcional se se mantiña a distancia de seguridade.

O Goberno galego en funcións acordou onte, no seu primeiro Consello da Xunta despois das eleccións, modificar o acordo de medidas de prevención pola Covid-19 para estender a obrigatoriedade do uso de máscaras, tanto ao aire libre como nos espazos fechados, sempre que se poida concorrer con outras persoas e aínda que se poida garantir a distancia de metro e medio.

Con esta decisión, Galiza súmase aos territorios que teñen adoptado este mecanismo, como  foi, nun primeiro momento, Catalunya e posteriormente Estremadura, Balears, Aragón, Murcia, La Rioja, Andalucía, Cantabria, Navarra e Euskadi.

A norma, que se fará efectiva de forma inmediata e por un período de tempo aínda por determinar, contempla exencións para as persoas con problemas respiratorios ou para persoas conviventes. Fixa, como excepcións, as praias e piscinas durante o baño ou cando se permaneza sen desprazarse, os estabelecementos de hostalería, no momento de consumir, e para o exercicio ao aire libre, sempre que se trate de deportes individuais. 

"Todos os expertos coinciden en que o uso xeneralizado de máscaras está a amosarse como unha das medidas máis eficaces para evitar a transmisión do virus", defendeu o presidente do Goberno galego en funcións, Alberto Núñez Feixoo, na súa comparecencia posterior ao Consello, para sustentar a decisión, que se toma cando os casos activos de coronavirus na Galiza sitúanse, segundo os datos do Sergas, nos 224, cunha baixada sostida desde a pasada segunda feira. Cando, a unha semana da cita electoral, a Xunta acordou fechar 14 concellos da Mariña polo brote que mantivo confinados 14 concellos –o pasado día 6– os positivos situábanse en 254, e nunca até esa fin de semana baixaran dos 300.

Ademais de facer obrigatorio o uso da máscara –até o momento érao unicamente no caso de non poder garantirse a distancia mínima interpersoal de 1,5 metros–, a Xunta lanzou unha recomendación, na que pide que se evite a organización de "festas masivas" en domicilios particulares ao longo do verán. 

"Non podemos prohibilas porque sería atentar contra un dereito fundamental como o dereito de reunión", apuntou, recoñecendo que, para iso, sería precisa unha orde xudicial, mais apelou á responsabilidade cidadá para non organizar na casa aquilo que está prohibido en lugares públicos.

"O virus non entende de propiedades", engadiu Núñez Feixoo, que sostén que evitar "festas masivas" nas casas durante esta tempada permitirá controlar de mellor modo a expansión de brotes ao longo dos próximos meses. Neste sentido, valorou que o lecer nocturno, xunto cos casos importados, son na actualidade os principais problemas á hora de controlar a pandemia e emprazou as policías municipais a velar polo cumprimento da lei que impide a realización de "botellóns" de cara a previr  contaxios.

Sobre o uso da máscara, Feixoo recoñeceu que a Xunta aínda non ten fixado un réxime sancionador polo incumprimento da medida, mais demandou unha unificación de criterios desde o Goberno español para evitar "disparidades" entre territorios. 

Medran os casos en Vilalba  e Betanzos, caen na Mariña

Con dous novos casos positivos e catro altas médicas, o brote da Mariña reduciuse onte, segundo os datos facilitados polo Sergas, até as 238 persoas coa enfermidade, o que supón un leve descenso desde os 140 do día anterior. Do total, 97 casos están situados no municipio de Burela, o único onde seguen vixentes as restricións de mobilidade aplicadas hai case dúas semanas na comarca, segundo indicou o alcalde, Alfredo Llano, quen sinalou que a localidade leva tres días sen detectar novos positivos.

Por contra, os casos do brote detectado en Betanzos suman xa 10 (un máis que na xornada previa) mentres que Vilalba, que confirmou onte o cuarto caso, decidiu suspender por prevención as actividades de lecer da fin de semana. Tamén Betanzos suspendeu a súa feira esta semana polo brote.