Sen máscaras en interiores "non antes de 15 días"

Un home merca máscaras nunha oficina de farmacia (Foto: Marta Fernández/Europa Press).
Sanidade chama á prudencia e avoga por esperar mínimo dúas semanas antes de tomar unha decisión.

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, avoga por "deixar pasar 15 días ou máis" co novo sistema de vixilancia e control da Covid-19 antes de avaliar a retirada da máscara en interiores.

Así o manifestou nunha rolda de prensa Comesaña para presentar o protocolo do medicamento Paxlovid para determinados pacientes de risco con Covid-19 de risco, así como o do Evusheld -para non infectados con inmunidade deficiente-.

O titular de Sanidade insistiu en que "se deixen as máscaras" en interiores "até pasado certo tempo" da aplicación do novo protocolo Covid de vixilancia para "ver" a evolución da situación. Por iso, apostou por como mínimo dúas semanas antes de "tomar decisións" ao respecto.

Para Comesaña aínda resulta "prudente" durante un tempo "manter o uso das máscaras nos interiores", e non só na Galiza, en todos os territorios. 

Sobre a posibilidade de eliminar esa obriga na contorna a Semana Santa -nun par de semanas-, o conselleiro afirmou que aínda é cedo para e que resulta "difícil" afirmalo.

Hospitalización

O conselleiro de Sanidade lembrou que a Galiza non baixa dos 2.000 positivos diarios desde hai uns 10 días e que a ocupación de camas aumentou con "valores altos" en hospitalización convencional. Pola outra parte, os ingresos en UCI mantéñense, cos datos máis baixos do Estado.

"Imos ver como reaccionamos a estes cambios importantes de hoxe", insistiu, en referencia á introdución do novo protocolo que elimina os illamentos aos positivos salvo en ámbitos e persoas vulnerábeis, para puntualizar que descoñece se a fin das máscaras coincidirá ou non coa Semana Santa.

De ser o caso, asegurou que "a Galiza non se oporá" se así se decide, mais apelou á "prudencia".