Sen máscaras e sen distancias para acceder á catedral o 25 de xullo

Aglomeración de persoas este 25 de xullo ás portas da catedral. (Foto: Nós Diario)
Ducias de persoas concentráronse ás portas da catedral de Compostela para ter acceso á mesma o 25 de xullo. Porén, non houbo control no cumprimento das medidas para evitar a expansión do coronavirus como se puido comprobar en diversas imaxes distribuídas a través das redes sociais.

Perto de ano e medio despois de que a pandemia chegara ás vidas de galegas e galegos a situación é ben distinta: as orquestras fican sen traballar polo paro nas celebracións de moitas vilas, os actos que se organizan teñen moitas limitacións, a hostalaría e o lecer nocturno mudan cada pouco o seu contexto para manter a actividade e os contaxios non deixan de subir na que é a quinta onda do coronavirus na Galiza.

Mais non toda a xente respecta estas prohibicións ou recomendacións para loitar contra a expansión epidemiolóxica, cuxa curva o presidente da Xunta da Galiza, Alberto Núñez Feixoo, agarda ver descender a partir da semana próxima.

Pode que non sexa posíbel dadas as imaxes que se presenciaron este domingo nos accesos á catedral de Santiago de Compostela, por exemplo. Nas fotografías distribuídas polas redes sociais detéctase claramente que non houbo respecto á distancia de seguridade nas colas para acceder ao templo, polo menos non en todo momento.

De feito, nos arredores e mesmo dentro das aglomeracións -nalgúns instantes- denunciouse a aparición de xente sen máscaras de protección. Malia que se retirou a obrigatoriedade de levar este complemento sanitario en espazos ao aire libre, foi sempre que se puideran respectar esas distancias que permiten evitar os contaxios.

Irregularidades visíbeis nas redes sociais

Pero este domingo, na capital galega, ás portas da catedral, pouco pareceu importar esta norma. Quizais tamén porque había turistas, non familiarizadas coas restricións galegas -cómpre recordar que cada territorio ten as súas propias limitacións- pero tampouco as autoridades puxeron freo ás irregularidades.

É, polo menos, o que teñen comentado persoas que presenciaron os posíbeis focos de coronavirus, cuxo temor aparece o mesmo día no que transcendeu a existencia dun surto nun albergue do Camiño na localidade do Pino, xa moi próxima á cidade. De feito, nalgunhas das imaxes feitas públicas vese que as forzas de seguridade -sexan públicas ou privadas- non poñen fin aos comportamentos irresponsábeis.

Compostela puido ser un dos puntos visíbeis das irregularidades persoais respecto da Covid-19, pero non o único. Puntos de carácter turístico no país como a praia das Catedrais, en Ribadeo, tamén estiveron cheas de camiñantes con maior e menor respecto polas restricións.