As máscaras deixan esta cuarta feira de ser obrigatorias nos transportes públicos

A retirada das máscaras nos transportes prodúcese case un ano despois de que o seu uso deixase de ser obrigatorio no exterior. (Foto: Arxina)
Así o aprobou esta terza feira o Consello de Ministros.

O uso das máscaras deixa de ser obrigatorio nos transportes públicos a partir desa cuarta feira, día 8, unha vez publicada no Boletín Oficial do Estado (BOE) a modificación do Real Decreto do 19 de abril de 2022 aprobada esta terza polo Consello de Ministros.

Así o anunciaron a ministra de Política Territorial e portavoz do Goberno, Isabel Rodríguez, e a ministra de Sanidade, Carolina Darias, na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros, onde destacaron que con esta medida avánzase na "normalización" da vida tras pasar "o peor" da pandemia.

Desta forma, as máscaras xa só van ser obrigatorias en hospitais, centros de saúde, clínicas dentais, centros de reprodución humana asistida, centros de interrupción voluntaria do embarazo e outros centros de atención especializada. Tamén se terán que levar ao entrar nunha farmacia e cando se vaia a visitar a un residente dunha residencia de anciáns e estéase nunha zona compartida, ou se sexa un traballador deste tipo de centros.

"Atopámonos nun momento de enorme estabilización pola Covid-19 e unha clara tendencia á baixa, polo que contamos cos datos máis baixos da pandemia", detallou Darias, para comentar que esta medida evidencia que se "segue cumprindo co roteiro planificado" para volver á normalidade.

Con todo, a ministra de Sanidade puntualizou que o uso das máscaras vai seguir sendo recomendábel en espazos pechados para as persoas máis vulnerábeis, para aquelas con unha infección respiratoria aguda ou nas contornas familiares ou sociais cando haxa persoas vulnerábeis Ademais, comentou que, aínda que no ámbito laboral "non son obrigatorias", na normativa plásmase a posibilidade de que os servizos de risco e prevención das empresas poidan decidir, se así o consideran oportuno, obrigar aos seus traballadores para usar as máscaras.

"Trátase dun paso máis na resposta que en cada momento fomos dando acorde á situación epidemiolóxica e co parecer das persoas expertas", aseverou Darias.

De feito, as últimas cifras do Covid-19no Estado, publicadas a finais da semana pasadas, mostraron que o número de persoas hospitalizadas baixou un 12,1% na última semana, un 15,2% en UCI, e a incidencia media actual de contaxios nos últimos 14 días sitúase nos 50,76 casos por cada 100.000 habitantes.

A retirada das máscaras nos transportes prodúcese case un ano despois de que o seu uso deixase de ser obrigatorio no exterior, medida aprobada o 10 de febreiro, e uns meses máis tarde (o 20 de abril) de que xa non se utilice nos espazos interiores. O Estado español deixa de ser así o único país de Europa que obrigaba ao seu uso nos transportes públicos.