Cando é obrigatoria a máscara?

As máscaras "viñeron para quedar, pero en determinadas situacións"

Camiñantes nunha rúa céntrica de Santiago, na tarde desta terza feira. (Foto:Arxina)
Desde hoxe xa non é obrigatorio o uso da máscara en interiores. Entra en vigor o decreto aprobado polo Goberno do Estado que culmina unha retirada progresiva dun dos elementos máis discutidos da pandemia. Con todo, a máscara non desaparece. Segue a ser precisa e recomendábel en determinados lugares e situacións.

Chegou o día. Desde hoxe, por lei, o uso da máscara deixa de ser obrigatorio en interiores. Con todo, o decreto aprobado onte polo Consello de Ministros e Ministras recolle unha serie de excepcións. As máscaras seguirán sendo indispensábeis en hospitais, centros de saúde e farmacias; tamén en residencias de maiores, para as visitas e o persoal traballador, así como para as persoas viaxeiras en todo o transporte público: trens, autobuses, avións, barcos, taxis e vehículos de alugueiro con condutor.

Por norma xeral, a máscara deixa de ser obrigatoria nas escolas e nos centros de traballo, mais os servizos de prevención de riscos laborais ou, no seu defecto, as persoas responsábeis de cada empresa ou institución poden acordar prologar o seu uso se non hai distancia de seguridade ou ventilación suficiente.

A máscara decae en bares, restaurantes e locais de ocio; en cines, teatros, pavillóns e campos de xogo. Tampouco será obrigatoria en ximnasios, hoteis, tendas e centros comerciais, onde cadaquén será libre de empregala a partir de agora.

Non desaparecen

Porque a máscara non desaparece. "Viñeron para quedar, pero en determinadas situacións", asegura a Nós Diario África González, catedrática de Inmunoloxía no Centro de Investigacións Biomédicas (CINBIO) da Universidad de Vigo. "Xa non nos resultarán estrañas". 

E non o deben ser en caso de contaxio polo coronavirus, catarro, embarazo, inmunodepresión ou vellez. Nestes supostos, Sanidade, de acordo cos territorios, recomenda utilizar a máscara aínda que non sexa obrigatorio co fin de favorecer unha maior protección, persoal e colectiva, no caso das persoas máis vulnerábeis.

Neste sentido, a retirada da máscara en espazos fechados despois de case dous anos non foi nin é hoxe allea ao debate. 

"Coido que é o momento adecuado. Outros países da nosa contorna xa adoptaron antes esta medida nunha situación epidemiolóxica peor que a nosa", explica a este xornal o profesor emérito de Medicina Preventiva e Saúde Pública da USC Juan Gestal. Concorda con el África González. Agora mesmo non considera "prematura" esta mudanza. "A maioría da poboación xa está inmunizada. A incidencia da Covid en UCI diminúe. Ómicron está a ser menos letal e é importante ir pasando ás seguintes etapas".

"A decisión das autoridades sanitarias é moi prudente", sinala Gestal. Por unha parte, agardaron a despois da Semana Santa para pola en marcha; por outra, di, manteñen a obrigatoriedade no ámbito sociosanitario e no transporte público, ademais da recomendación de usala en caso de grandes aglomeracións, relación estreita con persoas vulnerábeis ou risco de transmisión.

Polémica nas escolas

A máscara deixa de ser obrigatoria tamén nos colexios e xa non se utilizará "en ningún caso" neste ámbito, precisou onte a ministra de Sanidade, Carolina Darias. "Polo que se refire aos ámbitos escolares, significarlles que non se usará en ningún caso. As máscaras deixarán de ser obrigatorias, xa non o eran nos recreos e, agora, en todos os ámbitos de centros educativos", subliñou Darias que, ao tempo, si recomendou o seu uso no profesorado vulnerábel.

Porén, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, explicou onte que a Xunta recomendará manter "voluntariamente" a máscara nas aulas "por precaución, prudencia e respecto".

Vixilancia e investigación

Ambos os dous expertos coinciden en que aínda é cedo para dicirlle adeus á máscara de forma definitiva. Desde hoxe hai que usala "con sentido común e levala gardada por se a precisamos", di González. "E a que nos vai proporcionar maior protección é a FFP2", engade Gestal.

A esta fórmula de prevención, a inmunóloga engade vixilancia e investigación, dúas constantes ao longo da pandemia. "Hai que seguir facendo vixilancia epidemiolóxica das variantes en circulación, secuenciación e seguimento dos casos graves en UCI. E seguir investigando en vacinas multivariante e vacinas que induzan protección máis duradeira, así como en antivirais e terapias  curadoras. Tamén é importante estudar a Covid persistente para entender mellor ao virus e as súas secuelas".

Noutro polo, os fabricantes. Para Xoán Carlos Portos, responsábel de Anovada,  a decisión das autoridades sanitarias culmina "a loita contra un artigo que non deixaron nunca de combater". Desde hoxe confía en seguir vendendo, pero fóra do Estado, porque aquí, di "predomina o produto chinés, máis barato".