Denúnciao a CIG

As máscaras defectuosas que a Xunta di que inmobilizou repartíronse nas ambulancias

(Nós Diario)

Unha circular do 061 emitida onte a empresas do sector pídelles que procedan á “retirada inmediata” dos modelos afectados e que informen da cantidade retirada. Desde a CIG afirman que "esas máscaras repartíronse entre as empresas de ambulancias e nalgunhas xa se estaban utilizando cando se deu a orde de retiralas, polo que o persoal estivo exposto ao contaxio e a contaxiar, crendo que estaba protexido".

A Xunta informaba esta cuarta feira que tivo que inmobilizar na súa plataforma de distribución, antes de ser remitidas a ningunha das áreas sanitarias, 12.000 máscaras de protección que non cumprían coas especificacións requiridas para ser utilizadas contra o coronavirus.

Porén, unha circular do 061 remitida na mesma quinta feira a UTE (unións temporais de empresas) do sector das ambulancias pedíalles que procedesen á “retirada inmediata” do modelo Elite EB09.04 (FFP3) e dun lote das KN95 Mask Purvigor (FFP2). Os dous modelos dos que o Instituto Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo alertou de que non cumprían as especificacións de filtrado requiridas para ser utilizadas nesta pandemia.

Nesa mesma circular, á que tivo acceso Nós Diario, pidese a cada unha desas UTE que notificasen ademais “a cantidade deste tipo de máscaras retiradas”.

Esas máscaras repartíronse entre as empresas de ambulancias e nalgunhas xa se estaban utilizando cando se deu a orde de retiralas, polo que o persoal estivo exposto ao contaxio e a contaxiar, crendo que estaba protexido"

Xesús Pastoriza, responsábel de Transportes da FGAMT-CIG criticou nun comunicado "as mentiras" da Administración galega en relación aos dous tipos de máscaras retirados esta mesma semana por defectuosas. "Á Xunta sae publicamente asegurando que non hai risco porque aínda que mercaron este tipo de máscaras, estas non saíron da Plataforma de Distribución. Cando isto non é verdade. Esas máscaras repartíronse entre as empresas de ambulancias e nalgunhas xa se estaban utilizando cando se deu a orde de retiralas, polo que o persoal estivo exposto ao contaxio e a contaxiar, crendo que estaba protexido", puntualiza.

Relacionado con isto, Pastoriza repróchalle ao Goberno galego "que levamos dez días agardando a que se fagan os prometidos test serolóxicos a todos os traballadores e traballadoras das ambulancias, pero a día de hoxe só se realizaron probas a un grupo reducido do persoal".

Pola súa banda, Xabier Aboi, da CIG, en declaracóns a Nós Diario afirma que ese modelo de máscaras defectuosas si que se repartiron entre persoal de ambulancias, “se ben xustifican que é dun lote diferente mais iso non nos convence,” e aponta que tamén puideron ser epartidas nalgúns centros de saúde “da zona do Salnés”.

Máis de 200 sanitarias contaxiadas polo uso de máscaras "defectuosas"

Cómpre lembrar que a pasada sexta feira o Sergas recoñecía aos sindicatos na Comisión central de seguridade e saúde que habíai 1.233 traballadoras do Sergas contaxiadas polo coronavirus e situou nunhas 240 as afectadas con positivo en COVID-19 polo uso das máscaras de protección defectuosas que foron retiradas após a realización de máis de 5.000 probas a usuarios destas.