Sumilleres e responsábeis de Vide, Vide!

Martiño Santos e Xosé Gontá: "O obxectivo que nos marcamos foi divulgar o mundo dos viños galegos"

O novo coleccionábel de 'Nós Diario' chega da man de Xosé Gontá e Martiño Santos.
Os sumilleres Martiño Santos e Xosé Gontá son os autores do coleccionábel 'A nación dos mil viños' que este xornal publicará de terzas a sextas feiras desde o 4 de xaneiro. Nós Diario conversa con eles para coñecer como se introduciron no mundo do viño e que atoparán as lectoras e os lectores  nas 16 entregas.

Como naceu o proxecto Vide Vide! e de onde vén o seu interese polos viños?

Convertemos un pasatempo en profesión. Comezamos por coñecer viños difíciles de adquirir no mercado normal. Na Galiza hai unha produción enorme de viños con varios milleiros de marcas e ao redor de 450 adegas. O que atopamos nun supermercado ou na maioría dos restaurantes é unha cantidade moi reducida das marcas máis coñecidas. Correspóndense con adegas de moita tradición e dun volume grande.

Fóra diso, descubrimos, xunto a restaurantes que apostaron por outro tipo de cartas de viños, outro perfil que levantou un interese persoal. Rematamos por ver unha necesidade e convertela en profesión, nun proxecto que fose dirixido, precisamente, a que se coñecese dentro do país unha variedade importante de viños que eran completamente descoñecidos para a maior parte da xente.

Por unha parte parecíanos unha necesidade, por ser algo social e cultural e, pola outra, parecíanos unha anomalía máis do país que se fixese esa cantidade de pequenos proxectos de tradición familiar, de xente nova que estaba traballando as viñas, que apostaba pola continuidade no rural, e que non tivese reflexo no mercado interno. 

Vide Vide! é moito máis que unha tenda...

Non queríamos que fose só unha transacción comercial, queriamos que se convertese nunha comunidade. Integrar o espazo na cidade, que non se limitase a acoller o produto, que puidese acoller xente e poder facer actividades culturais, mesmo ofrecelo ás persoas para que o utilizasen para as súas actividades. Despois, dentro do noso proxecto, a misión que máis nos entusiasmaba era a divulgativa. Que se coñecese todo ese traballo que se fai ao longo do país.  O obxectivo que nos marcamos foi divulgar o mundo dos viños galegos.

Dentro dese traballo sitúase o coleccionábel de Nós Diario "A nación dos mil viños". Que toparán as lectoras e os lectores nel?

Coa adaptación ao formato que implica o coleccionábel en Nós Diario, atoparán o coñecemento básico dos cursos de cata que impartimos en Vide Vide!, coa nosa propia visión e enfoque.

Agardamos que despois haxa moita xente que contribúa a que se incremente o interese polo viño e que leve a que, inclusive, fagan un curso de cata presencial, visitar adegas e ter un coñecemento máis profundo do mundo do viño. 

Verán todo o proceso que leva o viño desde a viña até a copa, comprendendo todas as súas fases. Desvelamos as chaves técnicas da cata no contexto de todo o proceso de elaboración do viño para comprendelo mellor.

Achegarse ao mundo da cata é complicado?

Nunca nos movemos nin un milímetro deste criterio desde que iniciamos o proxecto: o enfoque de iniciación, social e popular do mundo do viño. É o que nos parece máis razoábel.