É a presidenta de Si Hai Saída

Marta R. Engroba: "Non todos os policías aos que implicaban na loita contra a violencia machista o facían de bo agrado"

Marta Rodríguez Engroba, nunha imaxe de arquivo.

A presidenta da asociación Se Hai Saída, Marta Rodríguez Engroba, alerta do funcionamento da Comisarían da Policía Nacional de Lugo a respecto das vítimas da violencia de xénero. Unha situación que a levou a solicitar unha reunión coa subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez.

"Era unha comisaría normalizada, onde as mulleres podían acudir a pedir consello sen ningún medo porque ían ser atendidas con agarimo". Así lembra Marta Rodríguez Engroba, presidenta da asociación contra a violencia machista Si Hai Saída, o funcionamento da Policía Nacional española en Lugo.

Denuncia que situación mudou, hai “un par de anos”, coincidindo co “cambio de responsábel da comisaría, detectando que non todos os policías aos que implicaban nesta actividade de combater a violencia de xénero facíano de bo grado".

"Constatamos que volvemos a ese concepto de institución machista, fechada, na que só teñen cabida os colectivos de ben, sen ter en conta unha asociación como a nosa que o único que esixe é unha atención correcta ás vítimas de xénero, unha protección á que teñen todo o dereito", afirma Marta Rodríguez Engroba, que solicitou unha reunión coa subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez.

A representante da asociación responsabiliza das mudanzas no trato ás mulleres vítimas da violencia machista o actual comisario da Policía, José María Estebán Corral e lembra que nos inicios da asociación a "integración coa policía foi estupenda, naquel momento dirixida por unha persoa moi implicada coa violencia de xénero".

O comisario nega a interlocución, segundo Engroba

Nestes momentos, Engroba asegura carecer de interlocución co comisario e lamenta que non lle permita acompañar as vítimas como presidenta da asociación. “Suponse que estamos todos traballando cun fin común, que é axudar as mulleres, e o comisario debería de falar connosco. Porén, desde que chegou a Lugo díxonos claramente que non ten tempo a reunirse connosco”, asegura.

A activista lembra unha denuncia que presentaron contra ela desde a comisaría por "revelación de segredos" no acompañamento a unha vítima. "Teño unha profesión e unha actividade laboral relacionada ademais con datos confidenciais de persoas". "Imos pensar un pouquiño coa cabeza, polas repercusións que unha denuncia de tales características pode traer”, afirma Engroba.

“Eu tamén teño unha familia, tamén teño unhas relacións persoais e unha denuncia como revelación de segredos non pode ser que poña en dúbida o traballo dunha asociación que leva máis de seis anos por e para as vítimas, e non para conseguir subvencións, nin para saír nas fotos e alcanzar notoriedade", conclúe a presidenta de Si Hai Saída.