Marta Grela, Equipo Nómade: "A sanidade en Marrocos é practicamente privada. Ao final sempre accede quen pode"

As podólogas galegas Marta Grela Fariña e Iria Somoza son fundadoras da ONG Equipo Nómade (Foto: Colexio de Podólogas e Podólogos de Galiza)
As podólogas galegas Marta Grela e Iria Somoza son dúas das cinco profesionais sanitarias que fundaron a ONG Equipo Nómade, de axuda á saúde e benestar de grupos de risco de exclusión social. A aventura comezou hai aproximadamente catro anos, cando se embarcaron nunha misión de axuda humanitaria en Azrou, Marrocos.

Como entran en contacto co mundo das organizacións non gobernamentais?

Comezamos as dúas na mesma etapa, en terceiro de carreira. De pequena sempre me gustou o mundo da cooperación e a axuda. Cando vimos esa oportunidade falamos as dúas e o primeiro verán que fomos a Marrocos xa mudou a perspectiva que tiñamos, encantounos. Foi un antes e un despois. Logo fixemos catro viaxes máis e mudámonos para vivir varios meses. Agora facemos estancias longas. Durante o confinamento comezamos a pensar en desenvolver unha ONG e, falando as cinco, fundámola. 

Por que fundar unha ONG cando xa hai outras traballando sobre o terreo?

Hai moitas ONG sanitarias mais o que comprobamos cando comezamos a facer voluntariado é que non había ningunha especializada en proxectos de podoloxía. Nós vimos as carencias, collemos material e empezamos a facer tratamentos. O certo é que hai traumatólogos e moito médico xeneralista mais non da nosa especialidade.

Que dificultades teñen para desenvolver os proxectos?

Unha das dificultades que tivemos, aínda que pensaba que sería maior, é a da linguaxe. En Marrocos hai moita xente que coñece o francés mais un 90% da poboación fala darija, un dialecto que non coñeciamos. Mais supuxo un problema previo á viaxe, porque unha vez alí aprendes varias palabras e desenvólveste. Outra dificultade importante é buscar os fondos para conseguir o material. Calquera voluntariado precisa dunha compra de elementos necesarios. Ademais hai que acomodarse ás infraestruturas que haxa. Nas intervencións en nenas e nenos, mesmo en tratamentos conservadores como soletas ou cirurxía, precísanse instrumentos. Iso si, recibimos moita doazón de roupa  e material escolar. A semana pasada chegaron 300.000 máscaras. Na seguinte viaxe mercaremos medicamentos.

Cales son as patoloxías máis comúns que atopan?

O pé zambo. Apoian co dorso do pé, a planta só toca un terzo o chan. Na carreira estúdase dunha maneira anecdótica, non os tratamentos, posto que na Galiza non se dá. Tamén atopamos outras froito do descoido polos pés como unllas con fungos ou acurtamentos. Por outra banda, vimos pés que foron intervidos e quedaron peor unha vez rematadas as operacións cirúrxicas.

En que lugares traballan?

Comezamos en Marrocos por ter vivido alá con outra ONG. A principios de marzo pensamos ir ao Camerún cun traballo de campo que consistirá na recollida de datos para preparar os proxectos encamiñados a tratar un número de persoas coas necesidades que se vexan máis precarias.

Como é a sanidade en Marrocos?

En Marrocos hai sanidade. Nós visitamos os hospitais e temos contacto con eles para futuros proxectos. Sabemos como son os quirófanos e con que material contan. O que pasa é que teñen a infraestrutura mais non teñen recursos humanos formados nin especialistas. Os que hai, operan igual un pé zambo que unha apendicite, non hai unha formación específica. Ademais, é unha sanidade practicamente privada. Se tes unha patoloxía de vida ou morte interveñen, mais terás que pagar o ingreso e a estancia, polo que moitas familias, cos soldos baixos que teñen, non poden acceder. Ao final sempre accede quen pode.

Ampliarán a área xeográfica de actuación?

Temos contacto con moita xente e despois do Camerún a nosa intención é ir a máis países. Xa contactamos con organizacións que traballan en Tanzania e Mozambique e outra que está en Asia.