Camerún fecha máis de 60 escolas polos ataques de Boko Haram

O Exército informou de 13 escolas incendiadas nos dous últimos meses, de polo menos 200 persoas secuestradas para pedir rescate e dun número indeterminado de civís desaparecidos.
EuropaPress_1583714_unicef_denuncia_mas_1000_ninos_sido_secuestrados_boko_haram_2013
photo_camera Unha meniña afectada polo conflito con Boko Haram (Unicef)

O Goberno do Camerún anunciou o fechamento de máis de 60 colexios da rexión norte fronteiriza con Nixeria ante o incremento dos ataques do grupo xihadista Boko Haram, que utiliza cada vez máis a miúdo os atentados suicidas.

O Exército foi despregado nas zonas consideradas seguras para garantir o dereito á educación, aínda que o responsábel de Educación para a rexión norte, Ousmanou Garga, recoñeceu que moitas das zonas xa non son fiábeis.

"Sesenta e dúas escolas foron clausuradas. As nenas e os nenos tiveron que ser escolarizados noutros colexios moi lonxe das súas aldeas ou directamente deixaron a escola. Até 34.054 estudantes están rexistrados como desprazados internos", explicou en declaracións á emisora Voice of America, recollidas polas axencias de noticias internacionais.

Desde xaneiro contabilizáronse polo menos tres ataques de Boko Haram cada semana, a maioría suicidas e sobre todo contra mulleres e crianzas. O Exército informou de 13 escolas incendiadas nos dous últimos meses, de polo menos 200 persoas secuestradas para pedir rescate e dun número indeterminado de civís desaparecidos.

O coronel Ndikum Azeh, comandante da misión do Exército camerunés contra Boko Haram en varias zonas, asegurou que están para protexer a poboación civil e que hai militares que traballan como profesores para os desprazados nas zonas consideradas máis seguras.

Escola Segura

As ONG e grupos humanitarios e de defensa dos dereitos humanos pediron a Boko Haram que respecte a Declaración Escola Segura subscrita a nivel internacional. Desire Fouda, da ONG School First, sinalou que esta declaración busca protexer o alumnado e garantir o seu dereito á educación. 

Comentarios