Entrevista

Marta Gontá (Ulloa Viva): "O negocio de Altri consiste en privatizar a terra e a auga de todas nós"

Marta Gontá é natural de Antas de Ulla e veciña de Monterroso. (Foto: Nós Diario)
A Plataforma Ulloa Viva ten feito, nuns meses, do 'Proxecto Gama' de Altri un asunto de debate e preocupación a nivel galego. A contestación social á macrocelulosa que a pasteira portuguesa quere instalar en Palas de Rei (A Ulloa) ten, grazas ao movemento veciñal, a entidade para acaparar o debate político na Galiza.

—Despois de meses de loita en solitario da veciñanza, os partidos políticos están a tomar posición ao respecto do proxecto de Altri.
Ao principio a sensación que tiñamos desde a plataforma era que nos estaban deixando abandonados por todas as administracións públicas e por todos os partidos políticos. Parece que agora viron o que había, informáronse e non quedou outra que, por sentido común, apoiar a plataforma. 

—Dous anos após presentarse o proxecto, mesmo técnicos de Altri viñeron -o mes pasado- dar explicacións, aínda que suspenderon a metade das reunións previstas. Sacou algo en claro do que argumentaron en Palas de Rei, Monterroso e Melide?
Levabamos dous anos pedindo encontros e explicacións, ignoráronnos completamente e chegaron aquí cun discurso totalmente baleiro que non daba resposta ás preguntas da veciñanza. Atopáronse unha oposición de xente formada coa que non contaban. Sacamos en claro dúas cousas: na reunión de Palas de Rei, Bruno Dapena [director de proxecto de Altri para a Galiza] dixo que non viñeran antes porque non tiñan o proxecto terminado, así que, se non había proxecto, que é o que leva anunciando a Xunta durante dous anos?

Resulta que os técnicos din que Altri non vai consumir auga, que só a van usar, pero as cifras non dan, se colle 46 millóns de litros de auga ao día do encoro de Portodemouros, e devolve contaminada ao río Ulla 30 millóns de litros, onde están os 16 millóns de litros diarios que faltan?

—Agora o proxecto está publicado no Diario Oficial da Galiza (DOG) e abriuse o prazo para alegar até o 17 de abril. En que está centrada Ulloa Viva?
Temos unha folla de ruta clara que se basea en informar a cantos máis galegos e galegas mellor, porque cremos que no momento en que este proxecto se coñece a xente toma partido en contra de maneira natural. Ninguén quere un atentado ao corazón da Galiza, ninguén quere esquilmar o río Ulla nin que lle contaminen o ar.

—Hai moito interese detrás deste proxecto, que nos falta por saber?
O negocio de Altri consiste en privatizar a terra e a auga de todos para que unha empresa privada obteña beneficios económicos. E para iso sabemos que a Xunta da Galiza deulle en decembro de 2022 unha carta branca que se chama Proxecto Industrial Estratéxico (PIE) que permite á empresa reducir á metade os trámites, expropiacións urxentes, solo industrial de balde, saltarse requirimentos urbanísticos e mesmo obter subvencións públicas sen concorrencia competitiva. Estaría ben que a Xunta explicase por que vai permitir a Altri asoballar as galegas e os galegos, saltarse aos Concellos e danar de forma irreparábel o corazón da Galiza.

—Como afectaría a celulosa?
Deixarán o ar que respiramos contaminado e a auga que lles sobre contaminada tamén, reducen a nosa biodiversidade co monocultivo de eucalipto obrigándonos a vivir nunha polvoreira. Pretenden  ocupar 360 hectáreas a expropiar, cun valor biolóxico incalculábel, que até contén tres plantas que só viven nesa zona en todo o mundo.  Cambiarían o noso modelo socioeconómico que agora redistribúe a riqueza para acaparala entre catro, e ademais piden 250 millóns de cartos de todas nós. Todo isto obrigaríanos a vivir peor. A cambio ofrécennos un máximo de 500 postos de traballo e moito progreso... Pero que é para esta xente o progreso? 

—A plataforma está a traballar a nivel europeo e a empresa pon como condición para construír a celulosa recibir fondos da Unión Europea, que están a facer?
A plataforma sempre tivo claro que un dos escenarios chave na nosa loita contra Altri é Bruxelas. As normativas medioambientais da UE non poden permitir esta animalada contra o noso medio. O noso traballo ao respecto ten dado xa froitos e houbo unha representación da plataforma en Bruxelas este mes de abril convidada polo BNG por unha denuncia contra este proxecto na Comisión de Peticións da Eurocámara. Estaremos en todos os escenarios onde nos queiran escoitar e nos poidan axudar. Se a UE non lles dá os cartos públicos, Altri dixo que non se vai instalar en Palas de Rei.

—Agora sabemos que é unha macrocelulosa, pero se o proxecto fose para unha fábrica de fibras téxtiles, como anunciaran nun comezo, serviría para A Ulloa?
Non o sabemos, porque ese proxecto non existe. Sen ver que recursos precisaría, que zonas  afectaría e cales serían os gases contaminantes e os residuos na auga, non podemos opinar.

—A nivel persoal, que significa esta loita?
A miña xeración ten unha responsabilidade cos nosos antecesores e tamén cos predecesores. Herdamos un patrimonio natural único, e conseguiron para nós una calidade de vida alta. Temos a obriga de defender o que é noso, terra, auga e ar, e asegurarnos de conservalo para os que veñen, os nosos nenos e nenas.

"Non hai trato"

A voceira da Plataforma Ulloa Viva, Marta Gontá, leva tempo na loita contra “a mentira de Altri”. Da “fábrica de teas” que a empresa e a Xunta da Galiza anunciaron hai dous anos, “pasamos agora á macrocelulosa máis grande de Europa”. Marta Gontá naceu, criouse, vive e traballa na comarca da Ulloa, onde tamén está a medrar súa filla. Ten claro que “herdamos un patrimonio natural único e os nosos fillos e fillas, que xa están aquí, merecen un futuro con calidade de vida”.

Na Ulloa a contestación social contra a pasteira portuguesa gaña por maioría, “queren contaminarnos a auga, o ar e a nosa biodeiversidade”. A voceira de Ulloa Viva ten clara a resposta veciñal a Altri: “Non hai trato!”.