Os Maristas aceptan investigar os abusos sexuais denunciados por ex alumnos

Colexio do Pilar en Vigo, propiedade dos Maristas. (Foto: Google)
Oito ex alumnos denuncian acoso sexual no colexio do Pilar, de Vigo, xestionado pola congregación dos Maristas. Un relixioso deste centro xa fora condenado hai máis dunha década por tocamentos a dúas nenas.

A denuncia pública de oito ex alumnos do Colexio do Pilar en Vigo, integrado na rede educativa da congregación relixiosa católica dos Maristas, de abusos sexuais e violencia sistémica por parte de catro relixiosos do centro entre 1964 e 1969, levou a Provincia Maristas Compostela (que inclúe Portugal, Galiza, Asturies e Castela e León) a condenar esta terza feira os supostos episodios acontecidos no colexio.

No comunicado, os maristas piden “perdón por fallarlles e non telos protexido”, amais de laiarse “profundamente desta situación” e pórse a disposición das vítimas.

Tamén informou de que foi aberta unha investigación para esclarecer os feitos denunciados. “A existencia de vítimas é un recordo permanente” dos erros do pasado, afirman, e condenan “calquera tipo de situación de maltrato ou abuso". "Traballamos día a día para que non se volvan producir", advirten.

Un dos ex alumnos que fixo pública a situación sinalou a Europa Press que non é unha cuestión de vinganza senón de xustiza, e animou aquelas persoas que sufriran situación de abuso e maltrato a denuncialo.

Na querela, os ex alumnos acusaron catro relixiosos entre os que se atopa o director do colexio entre 1964 e 1969, Agustín Antón del Cueto, que ao igual que o resto de acusados xa faleceron, segundo informou a congregación.

Ademais, os ex alumnos concluíron que "ese colexio era unha organización pederasta", e que os abusos contra eles foran sufridos por moitos máis estudantes desa época, como comprobaron ao volver xuntarse anos despois.

Pederastia nos Maristas

En 2009, Fernando Vecino, relixioso que traballaba na secretaría deste mesmo colexio, foi condenado a dous anos de prisión e ao pago de 14.000 euros de indemnización por facer tocamentos a dúas nenas.

O ano pasado, o Tribunal Superior de Catalunya condenou a 21 anos e 9 meses de cadea a Joaquín Benitez, profesor dos Maristas en Sants-Les Corts (Barcelona), polo abuso sexual contra catro alumnos menores de idade entre 2006 e 2010. Ademais, a Congregación dos Irmáns Maristas chegou un acordo con 25 vítimas de delitos de abuso que xa prescribiran para indemnizalas en conxunto con 400.000 euros.