Un mariñeiro morto ao embarrancar un cerqueiro perto de Baroña

(Salvamento Marítimo)

Os outros tripulantes do ‘Divina del Mar’ foron recollidos por outros barcos e tres deles chegaron a nado á costa.

Un mariñeiro morto, cinco rescatados e tres que chegaron a terra pola súa propio pé é o balance do sinistro dun pesqueiro con nove persoas a bordo que embarrancou na madrugada desta terza feira nas proximidades do Castro de Baroña, no concello de Porto do Son.

Segundo informaron fontes de Salvamento Marítimo a Europa Press, ás 4,20 horas desta terza outro pesqueiro avisou de que o cerqueiro 'Divina del Mar', con base en Portosín, varara e lanzara varias bengalas de emerxencia.

Por iso, o Centro de Coordinación de Salvamento de Fisterra, dependente do Ministerio de Fomento, que coordinou a emerxencia, mobilizou a embarcación 'Salvamar Regulus', así como os helicópteros 'Pesca 1' --da Xunta-- e 'Helimer 402' -de Salvamento Marítimo-.

400 mariñeiros mortos en 25 anos

Entre 2010 e 2018 perderon a vida 80 mariñeiros galegos ou enrolados en buques galegos. Entre 1994 e 2010 foron case 300. Son, logo, por volta de 400 os mariñeiros que perdetron a súa vida na Galiza nestes 25 anos en accidentes e sinistros relacionados co seu labor.

Entre 2005 e 2013 rexistráronse 12.652 accidentes laborais no sector do mar de Galiza, segundo os informes do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboal (Issga). A inmensa maioría deles, de carácter leve (12.033, o que supón case catro por día). Mais tamén se rexistran sinistros graves. Foron 786 nestes nove anos, unha media dun cada catro días. Nese mesmo período, perderon a vida no mar 87 mariñeiros. Un cada 37 días. Un mariñeiro morto case cada mes.

A Organización Internacional do Traballo (OIT) considera o de mariñeiro como unha das profesións máis perigosas.