A Mariña porfía na defensa da sanidade pública e condena o desmantelamento dos hospitais comarcais

Hospital da Mariña, en Burela (Foto: Xunta da Galiza).
A CIG-Saúde A Mariña denuncia que o hospital queda sen especialistas en uroloxía durante a segunda quincena de agosto, o que na práctica supón a paralización e suspensión de todas as consultas, revisións, operacións cirúrxicas e o traslado das urxencias de ao HULA.

O sindicato nacionalista pon de relevo a clausura desta especialidade médica no Hospital da Mariña por falta de profesionais que presten o servizo para pór en contexto unha perda asistencial que non é nova nin puntual.

Perda da área sanitaria propia

Desde a CIG-Saúde lembran que o 30 de agosto de 2017, o deputado popular José Manuel Balseiro explicou que a reforma da Lei de Saúde e a supresión da área sanitaria da Mariña lonxe de debilitar o hospital comarcal permitiría seguir ampliando a oferta de recursos cunha atención máis próxima, "algo que no día a día vemos que é unha mentira máis do Partido Popular", sinalan.

O 6 de setembro de 2017, engade a organización sindical, o anterior responsábel de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, salientou o avance que ía supor esta reforma sanitaria, achegando especialistas dos hospitais centrais aos da periferia para evitar os desprazamentos das pacientes. "unha mentira máis" salientan.

Como se atende unha urxencia urolóxica vía telefónica e a máis de 100 quilómetros de distancia?

A realidade das doentes da Mariña afasta calquera destas facilidades da súa experiencia asistencial, advirten. Máis desde que o futuro da sanidade galega parece ser "por teléfono".

Recursos de proximidade

"Como se atende unha urxencia urolóxica vía telefónica e a máis de 100 quilómetros de distancia?, pois trasladando aos pacientes ao HULA como están a facer", incide a CIG-Saúde.

Nestes sentido, preguntan directamente ao presidente galego, Alberto Núñez Feixoo, polos "mellores servizos que ían implantar". "Onde está a blindaxe do hospital ou cales son os numerosos profesionais que ían vir para Burela?".

Desde, a CIG-Saúde A Mariña, esixen á Directora do Distrito Sanitario, María José Cortés Canay, que exerza as súas competencias e que empregue os recursos necesarios para garantir unha atención urolóxica de proximidade, e de non ser capaz de defender a atención sanitaria da veciñanza da Mariña que presente a súa dimisión.

A central nacionalista considera que debe primar o dereito da cidadanía a recibir unha atención sanitaria pública de calidade, polo que anima os usuarios e usuarias e presentar reclamacións oficiais a través do servizo de Atención ao Paciente.

Ademais, afirma,  non permitirán “ningún recorte máis nos servizos públicos e no benestar social da poboación por parte do Partido Popular”.