A Mariña e Monforte ferven pola supresión das súas áreas sanitarias

Un momento da caravana de protesto pola supresión da área sanitaria da Mariña

O Consello da Xunta vén de asinar a sentenza de morte á atención sanitaria nas comarcas de Monforte e A Mariña.

Se no mes de agosto aproveitaba a súa última xuntanza antes das vacacións para aprobar o anteproxecto de reforma de Lei da Saúde de Galiza, nesta ocasión escolleu a reunión fixada en plena ponte de decembro para darlle luz verde ao  proxecto, co que fica aprobada a supresión das áreas sanitarias da Mariña, Monforte, O BarcoO Salnés. As datas escollidas para o impulso da nova normativa e a urxencia coa que se está a levar adiante a súa tramitación responden á vontade do Partido Popular de separar o conflito das eleccións municipais e tentar coller desmobilizada a poboación destas dúas zonas que de xeito masivo e reiterado se está a mobilizar contra as graves consecuencias da reforma.

 

A Mariña e Monforte ferven. O propio día da aprobación do decreto eras os veciños de Viveiro quen se concentraban diante da casa do concello para facer público o seu rexeitamento a esta decisión. Ao tempo, a Plataforma en defensa da sanidade pública da Mariña respondeu cunha caravana de coches, onde segundo os convocantes participaron máis de 100 vehículos e 300 persoas, que percorreu o sábado 9 os concellos de Ribadeo, Barreiros, Trabada, Lourenzá, Mondoñedo, Viveiro e Xove e que terá continuidade na vindeira fin de semana noutros concellos da comarca. Así é todo, a entidade está á agarda dunha próxima reunión para definir novas accións de protesta, ao igual que a súa homóloga do Val de Lemos, convocada para unha xuntanza o 15 de decembro, en que tamén o previsíbel é que se acorden propostas de mobilización. As previsíbeis medidas de protesta darán continuidade ás concentracións que desde o mes de agosto se suceden todas as cuartas feiras diante dos centros de saúde das zonas afectadas.

 

A dependencia orgánica do Hospital de Lugo dos centros de Burela e Monforte implica a centralización dos servizos hospitalarios na capital da provincia e  a conseguinte perda de servizos e especialidades en Burela e Monforte

 

As consecuencias da centralización sanitaria xa se viña percibindo na Mariña e Monforte na forma de perdas de servizos. Así, nos últimos tempos comezouse a derivar a Lugo desde Burela a implantación de marcapasos e inclusive o cambio de pilas dos mesmos, os partos de prematuros ou os múltiples, malia contar o Hospital da Costa  con unidade de prematuros, a maioría das operacións de cataratas, hernias ou fimose, e as cirurxías programadas de traumatoloxía. Outro tanto acontece para o caso de Monforte, hospital comarcal que tamén está a sufrir a perda de servizos que tradicionalmente se prestaban no mesmo. Ao tempo, outro servizo tamén privatizado, como o de citas previas, advirte os doentes da Mariña e  da Ribeira Sacra que -no caso de non acudir ás citas na privada- as súas intervencións ou consultas serán retrasadas, sendo situados ao final das listas de agarda. 

 

A supresión das áreas sanitarias da Mariña e de Monforte de Lemos resulta claramente prexudicial para o conxunto da poboación da provincia de Lugo e, de xeito moi particular, para as perto de 80.000 persoas adscritas á área sanitaria da Mariña e as máis de 50.000 que fan parte da de Monforte. A dependencia orgánica do Hospital de Lugo dos centros de Burela e Monforte implica a centralización dos servizos hospitalarios na capital da provincia e a conseguinte perda de servizos e especialidades en Burela e Monforte, ben como desprazamentos constantes da poboación da Mariña e da Ribeira Sacra, nalgúns casos a máis de hora e media de viaxe, a Lugo para realizar probas e consultas que até  agora realizaban nas súas comarcas. O novo modelo provocaría tamén graves efectos para os residentes da área sanitaria de Lugo, sendo que ocasionaría unha masificación no seu hospital de referencia, aspecto ese que beneficiará sen dúbida algunha os centros privados de Lugo ao aumentar o número de usuarios derivados da pública.