"Xa me cabreo, collóns": Mariló Montero ataca a Ana Pontón por criticar a polémica campaña da Xunta sobre o 25-N

A presentadora de 'Todo es mentira' acusou a portavoz do BNG, á que estaba a entrevistar en directo, de “politizar” o 25 de novembro cando Pontón denunciou o “machismo” da polémica campaña lanzada pola Xunta da Galiza.

Mariló Montero, presentadora do programa ‘Todo es mentira’ (Cuatro) e un dos rostros máis coñecidos do que se ten bautizado como ‘caverna mediática’ española, mostrou esta sexta feira ao vivo o cabreo con Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, por cuestionar a campaña do 25N da Xunta, que recibiu estes días críticas do movemento feminista e de colectivos en defensa das mulleres e contra a violencia machista.

“Vísteste con mallas de deporte. Vas correr pola noite. Que sucede agora? Non debería pasar, pero pasa”, di o cartel, que a para Pontón e o movemento feminista é “intolerábel” ao situar o foco da responsabilidade na muller .

“Non o podemos permitir, paréceme grave que o Goberno galego non detectase o machismo desta campaña”, expuxo a líder da oposición antes de pedir a retirada desta campaña “porque é machismo institucional”. “O PP está a contaminarse polo discurso negacionista”, denunciou Ana Pontón.

“Xa me cabreo”

Foi entón cando a presentadora española amosou o seu anoxo e interrompiu a deputada nacionalista, á que non deixaba intervir: “Xa me cabreo, cona, collóns. Ana, de verdade, é que estamos xa mesturando todas as cousas e o que enfada moitísimo é a mestura que facedes e a politización. Que estamos a falar o día da violencia contra a muller, estades a falar da pelexa dos partidos políticos, de que un é máis feminista que outro... Non creo eu que estean a desexar que as mulleres sexan violadas, miña filla, é que deixade de mesturar as cousas”.

“A min o que me importa hoxe sinceramente é que fagades discursos eficaces para que os... deixen de matar e pegar ás mulleres. Ana moitas grazas, acabouse o debate”, dixo a presentadora, cando Pontón, con educación e acenos de incredulidade polo ataque de Montero, tratou de replicar: “Se me permites, Mariló...”.

“Non, non permito xa nada máis. Dixeches xa todo”, cortou a xornalista, antes de que a política engadise: “Creo que todas estamos en contra da violencia machista”. ″Pois grazas!", volveu interromper a presentadora do programa, "como estás a dicir que parece que só o facedes vós e que todo o Goberno di que non, que queren que as violen as mulleres...”, continuou Montero. Pontón negou ese extremo “Non dixen en ningún momento iso”.

“Cando se vos fai unha crítica enseguida dicides que poño na vosa boca. É que se poño a escribir literalmente o que dixeches...”, interrompeu, de novo Mariló Montero. E Pontón afirmou: “Podemos ver o vídeo cando queiras”.