A irmá do falecido en Silgar carga contra quen "tolera" o "exhibicionismo de velocidade" perto da praias

A praia de Silgar, en Sanxenxo, non tiña delimitada cunha liña de boias a zona de baño no momento do sinistro mortal. (Foto: Tim Adams).
A morte dun bañista na praia de Silgar, golpeado por unha embarcación ultrarrápida nunha zona de baño cuestiona a seguridade e a protección da cidadaní na liña máis próxima á costa.

A familia de Juan Tábara, o home falecido tras ser arrollado por unha lancha a pasada Semana Santa en Sanxenxo, confía no avance das pescudas mais recoñece non ter coñecemento de "ningunha información oficial". "O único que sabemos é que dúas persoas perden o control e que se lles consinte", asegura en declaracións a Nós Diario, María Tábara, irmá do falecido, a respecto do sinistro decorrido na praia de Silgar.

A muller apunta unha grave irresponsabilidade por parte de quen "tolera" e "subvenciona o exhibicionismo da velocidade" tan perto da liña de costa. "Se se fixese algo antes por frear isto, Juan estaría hoxe connosco, mais como non o podemos recuperar, o que queremos é evitar que isto poida volver ocorrer. Cremos que é unha traxedia evitábel e queremos impedir a seguinte".

Cambios normativos

Tras a morte de seu irmán, María Tábara avanzou en nome de toda a familia que non cesarán "no empeño de conseguir que se cambien e melloren as condicións de seguridade das praias e das zonas de baño". Sobre as mudanzas normativas pertinentes para reforzar a protección dos bañistas non se pronuncia. "Correspóndelles ás autoridades competentes" determinar que usos, avisos e sinais cómpre revisar para evitar que "unha persoa que entra a nadar con todas as proteccións acabe sendo golpeado".

A delegación do Goberno do Estado na Galiza confirmou que Juan Tábora nadaba a 188 metros da costa no momento do impacto, cun traxe de neopreno, unha boia que sinalizaba a súa posición e un dispositivo de localización que permitiu confirmar a súa posición dentro da zona de baño.
"Sabemos o que ocorreu pola xente que estaba alí, que o viu e deu conta do sucedido con nome e apelidos, e que xa vira isto máis veces con anterioridade", explica na conversa con Nós Diario María Tábara.

Ordenamento do baño e a navegación

A responsabilidade é de "dous tolos, nese momento, e de todos os que consenten este tipo de loucuras, autoridades políticas, deportivas e patrocinadores; responsábeis de protexer a cidadanía", afirma María Tábara. O día do sinistro a zona de baño de Silgar non estaba sinalizada, mais o Plan de Salvamento en Praias da Galiza apunta que "nos tramos non balizados" abranguerá unha franxa de mar de 200 metros nas praias e 50 no resto da costa."Dentro destas zonas non se navegará a máis de 3 nós", engade, velocidade superada pola lancha rápida que matou Juan Tábara nunha zona prohibida.

O avogado Xoán Antón Perez Lema urxe unha normativa integral por parte da Xunta que permita ás Administracións locais o ordenamento duns espazos cada vez máis ateigados de bañistas e actividades recreativas así como unha regulación rigorosa da sinalización e dos servizos de salvamento e socorrismo.

Os feitos

O pasado 15 de abril, unha lancha de competición golpeou a gran velocidade o deportista, que nadaba acompañado por un amigo na praia de Silgar. O falecido, veciño da Coruña, faleceu no momento e o seu compañeiro saíu ileso.

Era media tarde e o areal estaba ateigado de xente en pleno descanso de Semana Santa. Tras o impacto mortal, a embarcación seguiu o seu traxecto sen reparar no acontecido, segundo  as declaracións que transcenderon. Foi interceptada pouco despois polas autoridades, que iniciaron a investigación dos feitos.

Tras tomar declaración a varias testemuñas e tras a conclusión dos primeiros informes, a pasada cuarta feira, cinco días despois do atropelo fatal, detiveron o piloto da motora, acusado de homicidio imprudente. O investigado é un veciño de Sanxenxo, de 36 anos, campión de España de Motonaútica na modalidade de Endurance. Após negarse a declarar, quedou en liberdade con cargos, á espera de ser citado ante o Xulgado de Instrución número 3 de Cambados.