María Rosa Álvarez Prada, decana do COPG

”A falta de aposta pola psicoloxía clínica na sanidade pública é síntoma de atraso e inxustiza social”

María Rosa Álvarez Prada, decana do COPG. Imaxe: Cedida

O Colexio oficial de Psicoloxía de Galiza volveu alertar recentemente do “abandono da atención psicolóxica no sistema público de saúde”. Falamos coa decana do COPG, que afirma que no escenario actual "ou tes recursos para ir a unha consulta privada, ou a psicoloxía na sanidade pública é inaccesíbel na práctica”. 

-Na Oferta Pública de Emprego (OPE) do Servizo Galego de Saúde non se incluirá, máis unha vez, ningunha praza para especialistas en psicoloxía clínica. Desde o Colexio oficial de Psicólogos afirmades que isto supón “un verdadeiro abandono da atención psicolóxica no sistema público de saúde, con tan só tres prazas convocadas desde 2010”. Que supón este escenario?

 

-Este escenario implica que é imposíbel atender as necesidades de saúde mental da poboación galega. Apenas 90 psicólogos e psicólogas clínicas están a exercer no Sergas. Isto significa que nos atopamos con dispositivos asistenciais básicos sen psicólogos nin psicólogas e que non queda máis remedio que atendelos a tempo parcial, no mellor dos casos. É un absurdo! Unha paciente que estivo ingresada nunha unidade de hospitalización psiquiátrica preguntábame como era posíbel que nas semanas que estivo alí non tivese nunca atención psicolóxica. Cada dous ou tres días pasaba consulta o psiquiatra, e despois, todo recaía nas enfermeiras. Estamos así.  Mentres, máis de 150 especialistas en psicoloxía clínica están nas listaxes de contratación do Sergas; é dicir, que temos profesionais, pero non se atende a saúde mental.

 

Isto non é unha consecuencia dos recortes unicamente, senón que a política de austeridade non fixo máis que agudizar unha precariedade que xa viña de atrás. A falta de aposta pola psicoloxía clínica na sanidade pública é un síntoma de atraso e unha inxustiza social flagrante.

 

O verdadeiro problema é que a saúde mental está tratada como a irmá pobre da sanidade pública, e iso é inadmisíbel.

 

-Afirmades que coa infradotación de psicólogos e psicólogas clínicas é imposíbel prestar os tratamentos psicolóxicos que se recollen na carteira de servizos comúns do Sistema Nacional de Saúde. É isto una vulneración dos dereitos recollidos por lei do dereito á saúde mental da poboación galega?

 

-É evidente que se están a vulnerar os dereitos da poboación galega, pero moitas persoas non saben que teñen eses dereitos, co cal tampouco os reclaman. É dicir, se vas a atención primaria cunha depresión e só che receitan psicofármacos, pensas que estás correctamente atendido, aínda que a psicoterapia estea recollida na carteira de servizos comúns do Sistema Nacional de Saúde. Co cal, non reclamas. Isto non pasa con outras patoloxías.

 

O verdadeiro problema é que a saúde mental está tratada como a irmá pobre da sanidade pública, e iso é inadmisíbel. Estamos falando de que os trastornos mentais están detrás dunha de cada tres consultas en atención primaria. A principal causa de baixa laboral, cunhas duracións moi longas ademais, é a depresión. O suicidio continúa nunhas taxas elevadísimas en Galiza. Ninguén comprendería que en patoloxías que sofren tantas persoas non se dispoña nin dun cento de especialistas para as atender. Non hai unha especialidade sanitaria tan menosprezada como a psicoloxía.

 

Alguén se imaxina que o cardiólogo que te atende nun hospital estea realmente contratado por unha ONG? 

 

-En áreas como atención a vítimas de tráfico, oncoloxía, coidados paliativos ou neuroloxía desde a administración apostan en cubrir as carencias asistenciais en psicoloxía clínica con bolsas de investigación e con convenios con ONGs para a prestación de asistencia. Que representa iso? Como revertelo?

 

-Representa a maior precariedade posible. Alguén se imaxina que o cardiólogo que te atende nun hospital estea realmente contratado por unha ONG? En cambio, se tes cancro ou un ictus, a atención psicolóxica pode provir dunha asociación ou dunha persoa que está como bolseira. É recoñecer que existe unha necesidade pero non investir en atendela con recursos propios. A atención psicolóxica a través de bolsas e convenios implica poñer nun compromiso serio a autonomía dos psicólogos e psicólogas dependentes desas entidades alleas aos hospitais, e isto repercute sobre a atención dos pacientes. Non podes ter autonomía se estás como bolseiro ou bolseira; se existe a necesidade, o goberno ten que crear as prazas na rede pública.

 

Moitos dos trastornos e problemas de saúde mental poderían previrse ou tratarse nunha fase inicial se houbese atención psicolóxica en atención primaria

 

-Cales son as necesidades e demandas que consideras básicas en canto a psicoloxía para o sistema público de saúde?

 

-As necesidades son moitas, porque basicamente está todo por facer. Pero as prioridades teñen que ser, primeiro, implantar a psicoloxía clínica nos centros de atención primaria. Son varias as comunidades autónomas que o está facendo e, novamente, Galiza queda atrás. Moitos dos trastornos e problemas de saúde mental poderían previrse ou tratarse nunha fase inicial se houbese atención psicolóxica en atención primaria. En cambio, cronifícanse e agrávanse pola falta dun tratamento adecuado. Segundo, precisamos reforzar as unidades de saúde mental con, cando menos, 26 especialistas en psicoloxía clínica, para poder atender as necesidades da poboación. Falamos de infantoxuvenil, trastornos alimentarios, adicións, neuropsicoloxía… Por exemplo, existe unha grande alarma polas adicións a tecnoloxías por parte de adolescentes, pero, quen os atende? Se teñen que agardar tres, catro ou até seis meses para ser atendidos en saúde mental. Aquí, ou tes recursos para ir a unha consulta privada ou a psicoloxía na sanidade pública é inaccesíbel na práctica.

 

E a terceira demanda é unha maior autonomía profesional. A día de hoxe, para que unha persoa poida ir a unha consulta de psicoloxía no Sergas ten que contar coa derivación dun ou dunha psiquiatra, non pode ir cun volante desde atención primaria. Non ten sentido. É unha inxustiza para a persoa e unha falta de recoñecemento ao traballo dos psicólogos e psicólogas clínicas.

 

-Cal é o tempo medio de espera en atención psicolóxica no Sergas? Que supón esa espera?

 

-Polo que nos contan os colexiados e colexiadas, chegan a pasar seis meses. Seis meses entre consultas implica que non hai terapia posíbel. É dicir, cunha persoa con ideacións suicidas que pasa dous meses, no mellor dos casos, entre consultas, como imos poder facer terapia? Novamente, volvemos ao que sinalaba antes: ou contas con capacidade económica para acudir a unha consulta privada ou a atención na sanidade pública é máis que precaria.

 

A Organización Mundial da Saúde recolleu como prioridade o desenvolvemento de servizos integrais de saúde mental e de asistencia social de base comunitaria debido ao crecemento exponencial dos trastornos mentais, para o que é elemental a integración da asistencia e dos tratamentos de saúde mental nos hospitais e nos centros de atención primaria. Cara aí debemos camiñar.

 

Existe unha grande alarma polas adicións a tecnoloxías por parte de adolescentes, pero, quen os atende?

 

-A prevalencia de trastornos mentais con carácter crónico en Galiza, como a depresión ou a ansiedade crónicas, supera con moito a media estatal. Por que? Que debería facer a administración pública galega neste escenario?

 

-En Galiza temos unha serie de circunstancias que teñen que ser abordadas a través dun plan estratéxico de saúde mental. No caso da prevalencia da depresión crónica, estamos en máis dun 50% sobre a media estatal, un 60% na ansiedade; son cifras impactantes. Pero non é o único. Case un de cada dez galegos ou galegas sofreu nalgún momento da súa vida trastornos mentais vinculados ao consumo excesivo de alcohol, case o triplo que a media estatal. E a taxa de suicidio é ben coñecida que supera con moito á estatal, somos a segunda comunidade autónoma con maior incidencia. Outras cuestións como o envellecemento ou a dispersión poboacional teñen que obrigar a deseñar unha planificación específica para as necesidades galegas.

 

No conxunto do Estado, o custo dos trastornos mentais é de 46.000 millóns ao ano, dos cales a metade derívanse de baixas laborais e xubilacións precoces. A falta dunha atención apropiada ás persoas con problemas de saúde mental implica que as baixas laborais se prolonguen cun impacto inmenso na Seguridade Social. Así que o económico non pode ser escusa. Precísase dunha visión estratéxica, xa que se estima que por cada euro investido na prevención ou no tratamento da depresión ou da ansiedade, supón un retorno de 4 euros en mellor saúde e habilidades para o mercado laboral. Pero precisamos ese investimento.

 

No caso da prevalencia da depresión crónica, estamos en máis dun 50% sobre a media estatal, un 60% na ansiedade; son cifras impactantes

 

-Hai algún modelo (noutro territorio do Estado ou ben noutro país) que consideredes que pode ser un exemplo en canto a atención psicolóxica?

 

-Temos as peores ratios de psicólogos e psicólogas de Europa, e Galiza, no conxunto do Estado, peor aínda. Estímase que na sanidade española hai 4,3 psicólogos e psicólogas por cada 100.000 habitantes, fronte a 18 na media da Unión Europea. En Alemaña subimos a 50 e nos países nórdicos a 70.

 

Pero tampouco precisamos ir tan lonxe: a situación de Portugal é envexábel. En Portugal, na Europa do Sur, vemos que si hai psicoloxía na atención primaria, e que na especializada están a anos luz. Oxalá tivésemos a implantación da atención psicolóxica que teñen en Portugal.

 

No Estado temos exemplos que tamén nos indican que é o bon camiño. Por exemplo, o proxecto PsicAP (Psicología en Atención Primaria), de Psicofundación, que atendeu 1.200 pacientes en centros de saúde de dez comunidades, demostrou que a intervención psicolóxica en ansiedade, estrés ou depresión é catro veces máis eficaz que os psicofármacos. Así que as evidencias científicas están máis que demostradas. A pelota está no tellado dos responsábeis políticos, que teñen que apostar pola atención psicolóxica no sistema público de saúde.