O verán de...

María Prado Rúa: "Hai que emporcallarse na area de vez en cando"

A creadora de contido en galego María Prado Rúa (Foto: Prado Rúa).
Entrevistamos a creadora de contido en galego, María Prado Rúa para o caderno de verán de 'Nós Diario'.

—Fálenos do seu momento actual en xeral.
Debo ser masoquista porque acabei o grao de Educación Infantil e agora metinme no de Pedagoxía. Vin a oportunidade e por sorte colléronme. Tamén estou de mudanza e foi difícil encontrar algo decente, está o tema complicado a respecto dos alugueiros en Compostela.

—Como ve a situación en canto á creación de contido en galego?
Vexo que en Tik Tok cada vez hai máis persoas que se animan a facer cousas en galego. Como digo sempre, creo que queda moito por avanzar.

—Como lle gusta gozar do verán?
Gustaríame estar máis na praia pero este ano estivo complicado. Gustaríame tamén estar nunha casiña e ir á praia cando sexa pero non podo porque sigo sendo unha estudante.

—Praia ou piscina?
Diría praia, aínda que hai quen di que a area é unha molestia, pero vaia, hai que emporcallarse de vez en cando.

—O mellor concerto da túa vida?
Non fun a moitos pero diría un de Ezetaerre en Compostela hai varios anos.

—A onde non iría nunca de vacacións?
O outro día estiven reflexionando sobre sitios que están completamente colonizados polo turismo. E por exemplo non iría a Hawai pola masificación.

—Algún sitio que teña interese en coñecer?
De Aveiro para abaixo. Calquera sitio de Portugal me vale porque me sinto moi cómoda alí.

—Se puidese ter un superpoder cal sería?
Diría poder voar. Porque os avións contaminan moito e ademais están moi caros.

—Recoméndenos un libro.
Recomendo Seres queridos de Berta Dávila. É un libro que está moi ben para reflexionar.

—Unha canción?
Vou dicir Eu chorar chorei, con Ortiga e Pili Pampín porque a escoitei moito e porque creo que é unha marabilla que se xunten eses tipos de artistas.

—E un filme ou serie?
Diría o Padre Casares porque estiven pensando o outro día nela e tiña moitos detalles bos.