Presidenta da Coordinadora de ONG

María Paz Gutiérrez: "Galiza dedica 0,06% do seu PIB á cooperación"

María Paz Gutiérrez, no seu despacho. (Foto: Nós Diario)
María Paz Gutiérrez (Pontevedra, 1979) vén de asumir a presidencia da Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento. A politóloga e directora de Solidariedade Internacional acepta  o reto de liderar desde a Galiza unha cooperación transformadora, feminista e sostíbel, co apoio de políticas públicas fortes.

—Chega á presidencia da Coordinadora Galega de ONG após avanzar en cooperación ao carón das anteriores directivas. En que momento e con que empeño abre esta nova etapa?
Tras moitos anos de esforzo e traballo, somos unha organización que agrupa 45 entidades; madura, solvente, profesional; que ten alcanzado grandes retos na Galiza. Nun momento no que estreamos nova planificación estratéxica, o contexto social, político e económico está cheo de incertezas. Isto obríganos a estar máis alerta, coa intención, sobre todo, de blindar a política pública de cooperación, para que non sexa obxecto dos vaivéns da vida política e poder seguir traballando a prol dos dereitos humanos.

—En termos de cooperación, que está en xogo nos próximos anos?
Fundamentalmente a vida de millóns de persoas no mundo, ademais do esforzo de moitos homes, mulleres e organizacións que aquí e nos territorios onde estamos a traballar poñen en marcha cada día iniciativas para mellorar as  condicións de vida e garantir dereitos. A cooperación internacional é fundamental non só para impulsar este tipo de proxectos, senón tamén como elemento de denuncia, de sensibilización social, que evidencia as grandes problemáticas que enfrontamos a nivel global, nomeadamente naqueles territorios onde acaban por seren invisíbeis.

—Apuntaba a estrea dunha nova planificación estratéxica desde a Galiza para facer máis eficaz o actual sistema de cooperación. Que melloras son necesarias?

Como coordinadora temos tres grandes liñas de traballo nas que consideremos imprescindíbel avanzar. A máis importante ten que ver con achegarnos e estar presentes nos grandes movementos sociais. Queremos ser parte deles e achegar a nosa axenda, porque moitos dos problemas que enfrontamos na Galiza son os mesmos que se manifestan noutros lugares do mundo. Ademais, queremos continuar co noso labor de incidencia política. Apostamos por unha política pública galega que atenda a cooperación internacional, desde todas as Administracións, tamén concellos e Deputacións, facendo que os Gobernos locais tamén se impliquen na loita contra a pobreza e a desigualdade. E, por último, tamén miraremos cara a dentro, cara ás nosas entidades, co fin de fortalecernos e capacitarnos para exercer unha cooperación profesional, eficaz e eficiente.

—Arelan unha cooperación transformadora: feminista, sostíbel e participativa. Cales son os desafíos máis urxentes?
Se fixésemos unha listaxe deses retos globais para os que procuramos aliados tamén aquí, na Galiza, teriamos que incluír a emerxencia climática e como esta se ceba coas poboacións máis vulnerábeis, mais tamén a procura dunha cooperación feminista, non desde o punto de vista eurocéntrico ou baseado nas nosas lóxicas, senón aberto á ollada doutros feminismos. Pero tamén nos preocupa o debilitamento das institucións democráticas de moitos países nos que estamos a traballar, o avance do autoritarismo, a persecución e criminalización de activistas e movementos sociais, o auxe do discurso de odio e a vulneración sistemática de dereitos.

 —De que forma pode contribuír Galiza a estes logros?
Falta coherencia de políticas. Os orzamentos son escasos. A Galiza dedica 0,06% do seu Produto Interior Bruto (PIB) á cooperación internacional, fronte ao 0,7 pactado para cumprir os Obxectivos do Milenio. Mais é importante que o que se fai co resto dos cartos non sexa contrario ao que defende a cooperación. Por iso, ademais de estar presentes en territorios onde se impulsan proxectos, os Gobernos teñen que aplicar políticas que acompañen os esforzos de loita contra o cambio climático, de defensa dos dereitos humanos, de aposta por unha vida libre de violencias machistas. Cómpre unha coherencia de políticas para superar ese idea de solidariedade que ás veces embaza a cooperación.


A cooperación galega no exterior

A Coordinadora Galega de ONG para o Desenvolvemento vén de publicar un estudo que dá conta do labor da organización: "En 2020 a cooperación galega traballou con perto de 400.000 persoas que se beneficiaron dos 68 proxectos impulsados desde a Galiza en 22 países, nos que se investiron uns 10 millóns de euros".

Centroamérica e O Caribe, nomeadamente Guatemala e a República Dominicana, concentraron a maior parte da axuda galega nese exercicio, dirixida a servizos básicos como a saúde e a educación, mais tamén á defensa e garantía dos dereitos humanos.