María Obelleiro: “Un xornalismo valente, sen mordazas, só é posíbel se acreditamos, como sociedade, en que é unha necesidade”

María Obelleiro e Xoán Costa, na palestra da Asociación Cultural Alexandre Bóveda. (Foto: Nós Diario)
A directora de Nós Diario participa  nun ciclo de palestras organizado pola Asociación Cultural Alexandre Bóveda.

A directora de Nós Diario, María Obelleiro, participou na tarde desta segunda feira no ciclo de palestras organizado pola Asociación Cultural Alexandre Bóveda, na Coruña, cunha intervención que versou sobre os retos do xornalismo “en chave galega e feminista”.

No faladoiro no que participou, presentado polo presidente e conselleiro delegado de Sermos Galiza S.A., Xoán Costa, a responsábel do xornal apelou á necesidade de prestixiar a profesión ante o “non-xornalismo” que “alimenta os clics” con contidos de publicidade que se presentan como noticias.

Tamén se referiu ao papel das redes sociais. “Por unha parte, permiten democratizar a información e chegar á xente nova, ademais de interactuar coas lectoras e lectores, mais non debemos obviar a ‘cara B’ das redes: as fake news, a descontextualización, a manipulación das imaxes...”.

Obelleiro subliñou a necesidade de reivindicar a profesión nun “contexto de saturación informativa, polarización e crecente desinformación”, para o que cómpre “seleccionar a información fronte ao ruído, saber contar o importante e achegar contexto para entender o que ocorre, analizar, verificar e cuestionar a quen ostenta o poder”.

Realidade económica dos medios

Tras pór de manifesto que a “ditadura da actualidade” pode supor “un pseudoxornalismo de consumo rápido”, expuxo a realidade económica marcada polas subvencións aos diarios en papel e pola publicidade e convenios cos que o Goberno galego financia os medios próximos.

Alén de criticar a “opacidade” deste modo de financiamento, denunciou que a Xunta da Galiza exclúe das axudas o xornalismo crítico e puxo de manifesto o caso de Nós Diario que, a pesar de cumprir os criterios das convocatorias recollidas no DOG, foi discriminado “de maneira inxusta” polos Executivos de Alberto Núñez Feixoo como “modo de calar as voces críticas”.

Tamén chamou a “facer do problema unha oportunidade”. “Un xornalismo valente, sen mordazas, só é posíbel se acreditamos, como sociedade, en que é unha necesidade”, afirmou, para salientar a importancia dos medios de comunicación independentes que “só renden contas perante as persoas subscritoras, como é o caso de Nós Diario”.

Por outra parte, salientou a necesidade de practicar “un xornalismo socialmente responsábel” nun contexto onde “profesionais de medios supostamente progresistas lexitiman os fabricantes de mentiras e contribúen a branquear a extrema dereita, permitindo que senten nos faladoiros de actualidade política”.

Apoio a medios con axenda galega

Ademais, puxo de manifesto a necesidade de apoiar medios con axenda galega, dada a “resonancia sobredimensionada” de “todo o que acontece en Madrid”. “Fai falla agrandar un espazo de comunicación propio, cos pés na terra, que cree contidos propios e trate temáticas de intereses galegos en lugar de limitarse a reproducir as axendas que veñen importadas de Bruxelas ou de Madrid”, engadiu.

A directora de Nós Diario fixo especial fincapé en contribuír desde os medios, como axentes socializadores que son, a rachar coa representación asimétrica de homes e mulleres e a valorizar a liberdade de identidade sexual, “hoxe seguimos a ver que o lugar que ocupan as mulleres nos medios é subordinado ao dos homes. Eles son os protagonistas das informacións políticas e económicas e elas adoitan selo das culturais e sociais”. Así, salientou a “imperiosa necesidade” de aplicar a perspectiva de xénero, combatendo a desigualdade e dando voz a “realidades invisíbeis e discriminadas”.

Por último, sinalou a importancia de que o ensino traballe a alfabetización na información e nos medios de comunicación. “Cómpre ensinar a avaliar maneira crítica o contido dos medios, tendo en conta que vivimos nun mundo onde a calidade da información inflúe en gran maneira sobre as nosas eleccións e accións”, concluíu.