NÚMERO 1.000 DE 'NÓS DIARIO'

María Obelleiro explica en Monforte a importancia dun xornalismo propio na Galiza

Acto de 'Nós Diario' en Monforte con motivo do número 1.000 do xornal.
'Nós Diario' quere sumar 1.000 subscricións máis con motivo desta efeméride para afortalar un proxecto de xornalismo sustentábel feito por e para Galiza.

O 11 de novembro Nós Diario suma o seu número mil e, con este motivo, iniciou unha campaña promocional para o necesario reforzo do medio de comunicación que esta sexta feira chegou a Monforte, na comarca de Terra de Lemos. No acto que decorreu no Centro do viño Ribeira Sacra tomaron parte a escritora Olga Novo, a vicepresidenta da Xacia —asociación organizadora do evento—, Rosana Prieto, e a directora de Nós Diario, María Obelleiro.

A campaña percorrerá nas seguintes semanas diferentes comarcas do país. A seguinte parada será A Coruña, o día 30. Xa na primeira quincena de novembro, será a quenda de Ponteareas, Noia, Vigo, Ourense, Ferrol, Foz, Corcubión, Moaña, Verín, Vilagarcía e O Carballiño. A xeira concluirá o 1 de decembro para chegar a máis de 20 localidades.

Para a directora é "indispensábel" o xornal para conseguir "sacar do ostracismo temas de actualidade que os poderes públicos, nomeadamente a Xunta, queren agochar". A este respecto, destacou o papel de Nós Diario para "socializar o espolio eólico, as conexións entre sanidade pública e privada, o papel de Ence na definición da política forestal ou a situación nas residencias de maiores".

No acto inaugural en Santiago, o presidente de Sermos Galiza, Xoán Costa, asegurou no acto que "Nós Diario depende de que haxa máis subscritoras e subscritores e máis apoio social". Neste sentido, explicou que "un dos obxectivos da campaña articulada ao redor do número 1.000 do xornal é alcanzar 1.000 subscritores e subscritoras máis".

Lembrou que "cando en novembro de 2017 o consello de administración de Sermos Galiza lanzou a proposta de sacar un xornal diario en papel en galego, moi poucas persoas o vían posíbel; porén, a realidade amosou que era posíbel e necesario".