María Novas, arquitecta: "Desvalorízase a vivenda como o que é: un espazo de traballo"

A investigadora en arquitectura María Novas (Foto: Nós Diario).
A arquitecta María Novas volta a casa para achegar en formato libro as súas investigacións sobre a súa profesión desde unha óptica feminista. Doutoranda pola Universidade de Sevilla, traballa na Universidade Tecnolóxica de Delft, nos Países Baixos. Hoxe presentará a súa obra no Centro Social do Mar de Bueu.

O mundo académico da arquitectura discrimina a visión feminista?

É unha ciencia ao mesmo tempo moi técnica e moi humana. A arquitectura parte desa contradición. Os espazos que deseñamos son para as persoas que os habitan. As ciencias estiveron sempre moi masculinizadas e as mulleres cando comezaron a acceder a elas fixérono nas ramas humanas, vencelladas ao seu rol de xénero.

Nas técnicas custou máis e acontece tamén hoxe. Esta disciplina non deixa de ser unha creación humana e escóllense as materias que se consideran importantes e cales non. No noso caso non temos materias que expliquen a sociedade na que vivimos, como é o caso da socioloxía ou da antropoloxía.

Deberiamos ter un coñecemento social da nosa disciplina. Non se explica como a arquitectura foi creada ao longo da historia. Tamén, malia traballar con seres humanos, descoñecemos como viven as sociedades.

En que consistiría a arquitectura de xénero?

Non dou receitas máxicas. Depende de cada sociedade e contexto cultural, pois os roles de xénero poden variar. Céntrome no Estado español por ter unha tradición singular. Traballo nos Países Baixos e as diferenzas vense claramente. O rol de xénero que o franquismo asignou ás mulleres impediulles acceder ao traballo asalariado até os anos 70. Imos unha xeración por detrás en relación a Europa.

Os estándares de vivenda das nosas cidades parten dunha época e dunha concepción na que o ideal era a familia heteropatriarcal no que o home realizaba un traballo asalariado fóra da vivenda e a muller traballaba gratuitamente no espazo do fogar. 

Algún exemplo concreto que poidamos ver?

Temos a concepción da vivenda como un espazo de descanso e a distribución é xerárquica en función das salas principais para ese descanso. As maiores e mellor orientadas son o salón e o dormitorio principal, por exemplo. Desvalorízase o entendemento da vivenda como o que é: un espazo de traballo para moitas persoas que crían, coidan doutras persoas, cociñan,...

Se deseñamos unha cociña para que só unha persoa traballe nela e o espazo estea escondido e non se vexa desde as estancias nobres, falamos dunha xerarquía de valores. 

A desvalorización do traballo feminino ao longo da historia xoga un rol importante neses estándares que aínda herdamos hoxe en día. O noso gran reto é poder transformar os valores culturais.