Opinión

A compoñente moral da arquitectura

O Manancial, a novela de Ayn Rand, ten como figura principal o arquitecto Howard Roark, un home íntegro que atopa a solución adecuada para o seu lugar e tempo, pero que é rexeitada por unha sociedade maleducada. O bo acto ou exercicio profesional do arquitecto é o equivalente a xerar a resposta adecuada ás necesidades dun momento e lugar concretos. A resposta terá a súa base na conxunción de dous conceptos: moral e coñecemento; regulados mediante o Código Deontolóxico dos Arquitectos e a LOE. 

En primeiro lugar, o Código Deontolóxico, na arquitectura, recolle como ferramentas para o bo desempeño das súas funcións a independencia, imparcialidade, integridade, bo manexo da colisión de intereses, honradez e confidencialidade. 

Un, ao ser arquitecto, non só adquire un compromiso consigo e a súa integridade persoal senón coa sociedade. Terá entón o arquitecto como deber poñer o outro por encima do un, pero sen esquecerse da esencia do un. O que significa, mirar polo ben común e do cliente sempre que iso non polarice cos nosos principios pois, en ocasións, o frecuente non é o correcto. 

Calquera enquisado sería sabedor destes conceptos. Entón, por que son necesarias unhas Normas Deontolóxicas? A resposta é que o ser humano, en ocasións, deixou a ética nun segundo plano respecto a outras circunstancias, corrompéndose. 

No ámbito arquitectónico, sufrimos as consecuencias inmediatas dunha época na cal o arquitecto vén de perder todo o seu valor ante a sociedade, protagonista dunha das crises económicas e de valores máis grandes do noso país abandona o seu bo facer e empatía social a cambio do beneficio económico. As consecuencias son inmediatas, a arquitectura deixa de ser unha profesión de referencia e prestixio en favor da súa infravaloración e mesmo do cuestionamento da súa necesidade. Así, os novos arquitectos buscamos reinventarnos abríndonos a modalidades e fronteiras pouco exploradas e tentando recuperar o valor orixinal da profesión. 

Os novos arquitectos buscamos reinventar abríndonos a modalidades e fronteiras pouco exploradas

En segundo lugar, a función da LOE, xunto co CTE e os DB, é regular o sector da edificación e as súas repercusións; desde o compromiso funcional, económico, de equilibrio ambiental e patrimonial da mesma. Iso baséase no coñecemento, non só académico, senón multidisciplinar do arquitecto e axentes que interveñan no proceso de edificación.

Probablemente, o coñecemento académico non sexa o problema principal da mocidade (sobre-formada e mal-informada), senón a falta de oportunidades de experiencia, sendo as únicas opcións nacionais prácticas “formativas” ou empregos precarios. A situación provoca a fuga de mozos profesionais ou, con sorte, lévanos a ocupar postos relacionados con outras profesións. Entraría aquí a autovaloración moral de todo aquel que fomenta eses postos de traballo coa crenza de que outorga unha “oportunidade”.

O Manancial reflicte dous modos de afrontar o exercicio arquitectónico: dende o individualismo do arquitecto que, pese a atopar a resposta correcta para o seu lugar e tempo, só constrúe para si mesmo e non ve na súa obra unha función social; e dende a colectividade dunha sociedade maleducada, controlada pola clase alta mediante a influencia da prensa. Ambos prexudiciais para o conxunto da sociedade. 

Posicións que non se afastan moito dunha realidade recente con exemplos como a Cidade da Cultura, en Compostela, onde unha conxunción de egos constrúe un edifico por enriba de calquera lóxica colectiva, ou a figura do arquitecto protagonista do boom da construción que, corrompido polo poder económico e social, vende a súa integridade a calquera prezo ante a carencia de educación social. 

Ninguén, no momento actual de aparente deshumanización, se enfrontaría a cargos xudiciais por un tema de defensa de principios como o fai Roark na novela, pero é curioso que si asumiría o risco se iso supón unha recompensa. Vivimos, por tanto, nunha sociedade educada para non ter ideais; se non tes un ideal, non tes que preocuparte de saltalo. 

É tarefa das novas xeracións reverter a situación, poñer en alza o bo facer en tódolos aspectos da vida. Un principio debería rexer o noso día a día: ser feliz ante o pensamento de que podo estar en paz cos meus actos. 

Comentarios