Entrevista

María de la Fuente: "A maternidade, na investigación, é perder competitividade"

A investigadora científica María de la Fuente. (Foto: Nós Diario)
María de la Fuente (As Pontes, 1978) é directora da Unidade de Nanooncoloxía do Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago. En conversa con 'Nós Diario' fala sobre as precariedades das científicas e como a falta de oportunidades no país leva moitas investigadoras a marchar fóra.

Que precariedades están a sufrir as investigadoras na Galiza? 
As precariedades son moitas. Os soldos son baixos, malia que se estea a loitar para subilos. As diferenzas salariais entre os distintos rangos chegan a ser desagradábeis nalgúns casos e a temporalidade laboral –eu mesma teño ese tipo de contrato– deriva unha inestabilidade e incerteza que fai que moitas investigadoras marchen a outras comunidades como Cataluyna o Euskadi, onde os programas son mellores. 

Cando se trata de captar talento na Galiza contémplanse contratos de 3 ou 5 anos pero non hai un horizonte máis aló. Os que retornamos ao país é porque queremos contribuír na nosa terra ou temos outras razóns, pero por un contrato de 3 anos non se move moita xente. 

As investigadoras atopan máis barreiras que os investigadores.
As cifras están aí para corroboralo. A niveis baixos da carreira científica, como predoutorado, a tendencia é feminina, pero a medida que se avanzas na carreira créase unha inversión na que a presenza é masculina. 

Entre outras moitas, a maternidade é unha delas, porque perdes competitividade ou deixas de promocionar. Os procedementos non contemplan que poidas coller unha baixa por maternidade e compútano como tempo traballado aínda que non o fixeras. 

Tamén existen estereotipos, cando formas unha familia a xente pensa que xa non vas atender o teu traballo do mesmo modo ou que vas a dar máis importancia á primeira que ao segundo. 

Existen oportunidades no país ou o persoal científico ten que marchar fóra? 
As oportunidades son escasas. Moita xente marcha e é unha mágoa. Moitas persoas emigran para facer teses ou para atopar mellores promocións laborais. Temos boas universidades e centros de investigación e deberíamos atraer e coidar mellor as científicas porque cada vez que marcha unha persoa estase a perder talento e novas oportunidades de crear coñecemento e tecnoloxía.

A pandemia da Covid fixo que a investigación científica cobrase máis importancia nos medios de comunicación. 
E agardo que siga sendo así. Quedou demostrado que grazas á tecnoloxía e ao coñecemento alcanzamos solucións rápidas para unha enfermidade descoñecida da que agora temos moitos datos grazas á investigación. 

Esa investigación tamén fixo posíbel que en menos dun ano se puidesen desenvolver diversas opcións para unha vacina contra a Covid.
Este fito é o resultado dun esforzo coordinado e dunha tecnoloxía madura. Pola miña parte estou encantada de que dúas das vacinas teñan nanopartículas –eu dedícome á nanooncoloxía– porque isto pon en valor a especialidade que, as veces, tanto custa de explicar. 

Pensa que esta situación espertará máis inquedanzas no alumnado para dedicarse á ciencia? 
Agardo que si. É importante tamén as condicións que se dean no seu momento da escolla. É dicir, de nada serve que presentemos as ciencias como un escenario atractivo se despois os salarios son baixos ou existe unha inestabilidade laboral, porque iso pode ser un factor que determine a súa elección. 

—Que diría ás estudantes para animalas a ser científicas
Que a ciencia achega unha forma distinta de ver a vida, que non debemos pór barreiras de ningún tipo, mais si derribar todas as que nos poñan os demais.

"Por ser nais perdemos competitividade"

María de la Fuente (As Pontes, 1978), directora da Unidade de Nanooncoloxía do Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago (IDIS), sufriu unha “discriminación indirecta por razón de xénero” nas convocatorias para os contratos Miguel Servet tipo II que outorga o Instituto de Saúde Carlos III. O Xulgado Central Contencioso Administrativo nº 2 de Madrid dáballe a razón, o pasado mes de xaneiro, ante a falta de medidas do procedemento para que de la Fuente puidese alegar que estivera de permiso materno (13 meses en total) e así optar a unha ampliación no prazo de avaliación.  

Este procedemento computaba ese tempo de baixa como tempo traballado, o que lle restaba competitividade á científica. “Isto acontece en moitas convocatorias, perdemos competitividade por ser nais”, sinala de la Fuente.