María Elena López,científica: "Hai preocupación polo 5G. Non interesa que se saiban os efectos, pagan moito as telefónicas"

María Elena López, do departamento de Ciencias Morfolóxicas da Facultade de Medicina da USC (Foto: USC)
Científicas e científicos da USC no Centro Singular Cretus, en colaboración co Instituto de Investigación en Análises Químicas e Biolóxicas (Iiaqbus), descubriron que a exposición combinada a partículas contaminantes como o carbón negro xunto a radiofrecuencias como as que estarían presentes nunha rede sen fíos Wifi podería favorecer enfermidades respiratorias e cardiovasculares.

Como se realizou esta investigación?

Fixemos estudos in vitro en laboratorio coa exposición combinada de partículas contaminantes do ambiente xunto co efecto da radiación cunha frecuencia que emprega, por exemplo, o Wifi que podes atopar nun parque no exterior. Vimos os efectos e neste caso foi a través de células inmunitarias, macrófagos, unha liña que se emprega moito para estudar a contaminación ambiental. Xa tiñamos experiencia previa por ter realizado seguimento de campos electromagnéticos e agora comprobamos os efectos biolóxicos entre a contaminación e os campos electromagnéticos. 

Empregamos un rango bastante grande de partículas de contaminación por ser o primeiro estudo que facemos deste tipo. A partir de agora faremos análises máis específicas. Os efectos destas partículas están tipificados pola Organización Mundial da Saúde (OMS) por tamaños e por efectos. Sábese que son bastante nocivos. No caso dos campos electromagnéticos tamén, mais que coñezamos non hai estudos en que se combinen ambos.

Cales foron os resultados?

Comprobamos que con concentracións máis baixas das que se describen nalgunhas publicacións ao interaccionar coa radiación increméntase exponencialmente a toxicidade. Segue a ser un modelo a nivel de laboratorio. Haberá que ver se estes efectos tamén se dan en mamíferos. É importante malia ser un comezo. 

A nivel de comité de bioética está moi restrinxidos este tipo de estudos con seres vivos mais temos que seguir a liña habitual. Empregamos as directrices da OMS que afirman que en células de tipo inmunitario a radiación afecta bastante á leucemia e a contaminación ambiental tamén, por ser a primeira barreira que pon o organismo nos mamíferos para contrarrestar o seu efecto. 

O tempo de exposición ás partículas contaminantes e á radiación inflúe?

Non foi moi grande neste estudo. Na nosa investigación foi de entre 48 e 72 horas. En todo caso, sabemos que canto maior é o tempo de exposición a previsión é que a afectación tamén sexa maior. Acontece con calquera enfermidade que poida ter un antecedente ambiental por contar cun compoñente inflamatorio importante.  

Hai moitos estudos sobre esta temática? 

Móvome nesta liña de investigación desde 2004 e hai moitos. A cuestión é que hai estudos que non interesa que saian á luz e outros, por ter diferentes metodoloxías, in vitro e con animais, son moi criticados. Algúns afirman que non se poden extrapolar aos humanos. Nesta última cuestión é parcialmente certo e non se poden relacionar 100% mais si son un comezo para máis pesquisas.

Hai investigacións epidemiolóxicas a nivel clínico que din que hai unha afectación cardiolóxica e respiratoria, polo que hai que meterse no laboratorio e pórse a facer estudos. A OMS contemplou que moitas das enfermidades cardiovasculares e respiratorias teñen un compoñente ambiental que acelera as mortes en Europa. 

A maior parte de estudos biolóxicos fanse en Francia e Alemaña porque teñen antecedentes de partidos ecoloxistas moito máis fortes que os que temos nós. Agora comezan a facerse aquí. En Francia o Wifi xa se prohibiu nas escolas. Depende da cultura medioambiental. Investigadoras e investigadores temos que ter moito coidado cando difundimos os datos, hai que facelo con responsabilidade.

As publicacións científicas están aí, co acceso libre para todo o mundo. Agora hai unha preocupación importante co 5G. Hai un abundante enfoque tecnolóxico. En moitos casos non interesa que se saiban os efectos, pagan moito as telefónicas.