María das Herbas: "O ramo de San Xoán pide sobre todo herbas aromáticas, pero tamén plantas con conotacións máxicas como o sabugueiro"
—En que momento María Moure se converteu en María das Herbas?
Hai moitos anos diso, xa, no 2003, cando fun por primeira vez ao Courel para facer o primeiro ano do meu traballo de campo para a miña tese de doutoramento. O que ía ser un ano foron dous e sobre a marcha decidín converter aquel traballo nun libro de divulgación para o público en xeral e para os expertos, que é o que finalmente foi: María das Herbas e as herbaxeiras do Courel, unha obra de máis de 300 páxinas, editado por Teófilo Edicións, unha edición moi bonita, con 250 fotos, na que as plantas son protagonistas xunto coa xente do lugar.
—Que aprendeu ao carón das veciñas e dos veciños do Courel?
A miña idea inicial consistía en facer un estudo de etnobotánica, e dentro de etnobotánica, de etnomedicina, é dicir, uso tradicional das plantas medicinais. Eu, como farmacéutica, pois decidín facer ese traballo, xa que eu amo o mundo rural. Durante eses dous anos entrevistei toda a poboación da comarca, non só do concello de Folgoso, senón tamén dos municipios lindeiros: O Incio, Quiroga, Pedrafita, de toda a zona de Samos... Neses dous anos o que fixen foi recompilar información sobre o que facía a xente para curarse cando non había farmacias e os médicos escaseaban; é dicir, de todo aquilo do que botaban man, nomeadamente do mundo vexetal ao seu alcance.
Pero ademais disto, de consellos e costumes relacionados coa etnomedicina, tamén recollín cancións, ritos ancestrais, historias, adiviñas, anécdotas... Todo fai parte desas 300 páxinas, do primeiro tomo dunha triloxía que ten o catálogo de plantas medicinais como fío condutor.
—Son prácticas que aínda se manteñen ou falamos xa dun saber popular que corre o risco de desaparecer?
Aínda hai usos dos que moitas comunidades botan man, por exemplo de herbas como ourego, para catarros e gripes, ou tomiño, para o mal de estómago ou como dixestivo. No Courel hai quen aproveita as plantas silvestres e quen as cultivadas no seu horto; pero cada vez menos, é certo, porque as persoas maiores van morrendo e non queda moito quen lle dea continuidade a eses remedios. Se non se recollen por escrito pérdense. Todos sabemos que o despoboamento do rural é unha realidade cada vez máis patente en todos os sitios, tamén alí, claro.
—As plantas e usos que descubriu no Courel son accesíbeis no resto do territorio?
En xeral, as principais plantas medicinais teñen presenza en toda Galiza, salvo algunhas que son de montaña, pero esas son as menos. Eu, que levo xa 10 anos impartindo actividades en institucións públicas e privadas e non sempre podemos ir de excursión ao Courel, sempre defendo que calquera enclave natural pode servir, porque as herbas son as mesmas ou moi parecidas en todas as comarcas.
—E en todas as comarcas é día de ir apañar o ramo de San Xoán. Hai unha receita única para preparar o cacho?
O ramo de San Xoán pide sobre todo herbas aromáticas que a xente mete nun caldeiro con auga para ao día seguinte lavar a cara con iso... Herbas aromáticas como a menta, o romeu, a lavanda, pétalos de rosa, fiúncho e a herba de San Xoán. Por exemplo en Ferrol, onde eu vivo, é típica o Helichrysum foetidum, que ten un olor moi característico, ademais do hipérico (Hypericum perforatum), coñecida como herba de San Xoán, porque florece nesta época. Pero todo isto no Courel non se fai, a tradición é diferente.
—Que ten de particular?
Alí fan o ramo de San Xoán con herbas como a xesta, o fiúncho ou tamén o seoane ou estalote. Xuntan nunha presa estas plantas e algunha outra, como sabugueiro, con connotacións máxicas, para adornar portas e fiestras, das casas e das cuadras. E aínda que poida parecer un elemento decorativo, de forma ancestral estes elementos teñen connotacións de protección. Isto facíano na véspera de San Xoán, na tardiña do 23 de xuño. Á mañá do día seguinte o que facían era botarse a rolos por un prado abaixo, un prado en costa, moi habituais naquela zona de montaña, para recoller o orballo desa mañá de San Xoán, que dicían especialmente purificador e terapéutico para a pel.
—Cada lugar suma as súas propias tradicións, mais en todas os ritos buscan ese poder purificador e protector que tamén se lle atribúe ao lume, en moitos lugares, lume novo de San Xoán.
Galiza é un país tan rico en tradicións, sobre todo no que ten a ver co San Xoán, que non é de estrañar que cada zona, cada comarca teña a súa propia, que haxa deteminadas herbas que non poden faltar, como non falta en Ferrolterra o Helichrysum foetidum; e todo isto sen perder de vista o feito de que foi o cristianismo o que lle puxo o nome dun santo. Esta é unha tradición pagá, absolutamente ancestral, que ven de moito antes do cristianismo.
Coa chegada do solsticio de verán, chegaba tamén a nova luz do sol, purificadora; ao igual que o lume das fogueiras nas que había que queimar todo o que había no faiado, que era velllo e caduco, para dar lugar a todo o novo que viñese. Eran rituais pagáns purificadores moi anteriores ao cristianismo, porque o cristianismo o que fixo foi cristianizar as datas chave que había no calendario, como fixeron co Nadal no solsticio de inverno.
