O verán de...

María Castro: "Non me gusta moito a palabra nunca"

A actriz viguesa María Castro. (Foto: Pablo Abad)
Entrevistamos a actriz María Castro para o caderno de verán de 'Nós Diario'.

—Cóntenos sobre o seu momento actual no persoal e no profesional.
No persoal, Cunha vida ocupada e plena, con dúas nenas que non paran, pero máis ricas que todo. E no profesional, rematando una xira de teatro e arrancando unha serie que en breve poderá verse nas vosas pantallas.

—Cal foi o papel que máis lle gustou interpretar?
Todos eles deixan algo especial en min, e trato de coidalos coma se fosen fillos, pero os mais significativos para min foron a Jessi e a Trini… ambas mulleres de garra e forza.

—Como lle gusta gozar dos  meses de verán?
En familia. O lugar é o de menos, mais coa miña xente todo é mellor. Obviamente, se pode ser na Galiza, plan redondo.

—Cal é o lugar da Galiza en que máis lle gusta estar?
Baiona, respiro paz.

—Praia ou piscina?
A combinación de ambas. Mais se debo elixir, praia.

—Cando vai á praia, é máis de estar na area ou na auga?
Depende da praia, na Galiza máis na area, porque a friaxe da auga non dá para moito máis.

—O mellor concerto ao que foi na súa vida?
O primeiro choro de vida das nosas nenas.

—A onde non iría nunca de vacacións?
Non me gusta moito a palabra 'nunca', por se acaso…

—Un sitio que non visitara e que teña interese en coñecer?
Nova York. Teño moita curiosidade por cheirar e coñecer esa cidade.

—Unha viaxe que teña gravada como 'a viaxe'?
Sinto non poder elixir, pero todas. As experiencias que se viven nas viaxes son realmente inigualábeis.

—Un festival ao que nunca falle?
Non son moito de festivais, a verdade, excepto os de fin de curso de fillas e sobriños… eses si que son totalmente ineludíbeis.

—Recoméndenos un filme ou unha serie.
Se teño que escoller, quedo coa eterna serie da TVG, Pratos Combinados.