En Marea pide a presión da Xunta para o porto aceitar a oferta de María Pita por A Solana

Marcha pola devolución gratuíta

En Marea traslada ao Parlamento da Galiza a oferta que realizou o goberno local da Coruña para a adquisición dos terrenos de A Solana, na fachada marítima da cidade. 1,4 millóns de euros, o valor de taxación. O porto prefire ir a unha poxa e xa ten negociado un acordo por 10 millóns co actual concesionario dos terrenos.

Argumenta En Marea na súa iniciativa que a Autoridade Portuaria da Coruña se debería ater ao acordo do seu consello de administración de 30 de xuño de 2016 en que resolveu adxudicar de forma directa os terrenos de A Solana ao concello da Coruña polo seu valor de taxación, isto é, 1,4 millóns de euros.

A Autoridade Portuaria deu marcha atrás sobre ese acordo e optou pola vía dunha poxa, precedida dun acordo xa selado co concesionario dos terrenos, e do Hotel Finisterre, a Inmobiliaria Río Mera, por un monto de 10 millóns de euros.

Por súa parte, a Comisión Cidadá en Defensa do Común defende a devolución gratuíta dos terrenos, en orixe a desaparecida praia do Parrote, afectados durante a ditadura polo Estado e cedidos ao porto coruñés.

Temos aquí pois tres posicións distintas: o concello, que aspira a se facer cos terrenos por 1,4 millóns de euros; a Autoridade Portuaria, que aspira a facer caixa coa venda de A Solana e obter 10 millóns de euros cos que enxugar a débeda contraída pola construción do porto exterior; e a entidade cívica Defensa do Común, que pide a devolución gratuíta de terrenos que pertenceron historicamente á cidade (o BNG fixo súa esta posición ao levar ao Pazo de María Pita unha moción da comisión, aprobada polo Pleno cos votos da Marea Atlántica).

En Marea entende que a resolución do asunto pasa pola implicación política da Xunta da Galiza, que ten tres representantes no consello de administración do porto (entre eles, a conselleira de Meio Ambiente) e por iso pede ao goberno galego que inste a Autoridade Portuaria a que retrotraia o proceso ao acordo do 30 de xuño e aceite a oferta de María Pita.

Faino En Marea a meio dunha proposición non de lei que vén asinada polo seu viceportavoz parlamentar, Antón Sánchez, unha iniciativa através da cal se defende tamén que, no caso de seren desafectados os peiraos de Batería e Calvo Sotelo, os terrenos sexan cedidos gratuitamente ao concello "con destino aos fins de utilidade pública e interese social de equipamentos dotacionais, espazos libres e zonas verdes, públicos”.

A confluencia pide tamén que se investigue a xestión do presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, de quen critica a súa ineficiencia, e que se revisen os acordos con Fomento para o financiamento do porto exterior, de modo que as obras sexan sufragadas polo Estado e o porto sen recorrer á privatización dos bens comúns da cidade.