PP, a prol da paralización da poxa

Marea Atlántica mantén a súa aposta en mercar A Solana por 1,4 millóns de euros

Debate no Pleno de María Pita sobre o futuro dos terrenos de A Solana e o Hotel Finisterre, que a Autoridade Portuaria da Coruña negocia vender á Inmobiliaria Río Mero -titular da concesión- por 10 millóns de euros. O PP votou a prol dunha moción do PSOE para instar Feijóo a que se posicione contra a subasta.

O Pleno do concello da Coruña votou esta segunda feira tres mocións sobre o futuro dun relevante fragmento da fachada marítima da cidade, ameazado de privatización. As tres foron aprobadas. A antiga praia do Parrote -sobre a que se asenta un complexo deportivo e un hotel- podería pasar a mans privadas de iren avante os planos da Autoridade Portuaria da Coruña, co aval do Estado. Este xustifica a privatización co argumento de que precisa diñeiro para enxugar a débeda xerada pola construción do porto exterior. Instalacións deste tipo fóra da Galiza, como a de Xixón, foron financiadas inteiramente a custa do Estado sen recorrer á privatización de espazos públicos locais.

O debate foi ilustrativo porque situou a posición de cada un dos grupos políticos. A Marea Atlántica (o grupo que dá suporte ao alcalde, 10 escanos sobre 27 no Pazo de María Pita) mantén a súa aposta na compra dos terrenos de A Solana por 1,4 millóns de euros, o seu prezo de tasación. Combinara a operación no seu día coa Autoridade Portuaria, mais esta deu marcha atrás sobre os seus pasos e chegou a un acordo co concesionario das instalacións, Inmobiliaria Río Mera, por 10 millóns de euros. Marea Atlántica quer que se anule a poxa -á que en teoría só concorrería a inmobiliaria- e se retrotraia o proceso ao acordo coa Autoridade Portuaria. 

A moción da Marea Atlántica demandaba tamén o cesamento do presidente da Autoridade Portuaria, Enrique Losada, alegando a ineficiencia da súa xestión desde 2012 e a súa falta de lealdade institucional ao desrespeitar o acordo acadado no seu día co concello para a venda de A Solana. Esta proposta do goberno municipal foi aprobada polo Pleno após receber o apoio da concelleira do BNG Avia Veira e grazas á abstención dos 7 escanos do PSdeG-PSOE.

A posición do BNG é a de que os terrenos deben ser revertidos ao patrimonio público sen ningún tipo de desembolso económico porque pertencen á cidade e foron espoliados polo Estado durante a ditadura. É exactamente o que pensa a Comisión en Defensa do Ben Común. De feito, a formación soberanista vehiculou no pleno unha proposta desta entidade cívica en que se demandaba aínda ao goberno local que chamase a unha mobilización social contra a privatización.

A moción do BNG foi apoiada por Marea Atlántica, que así no mesmo pleno votou á vez a favor da devolución íntegra dos terrenos e a prol da súa compra por 1,4 millóns de euros.

A terceira moción a debate levaba o selo do PSdeG. Demandaba o restabelecimento do diálogo entre a Autoridade Portuaria e o concello e pedía a paralización da poxa. Pedía algo máis: a intervención de Feijóo contra a subasta. Surpresivamente tivo o apoio do grupo parlamentar do PP.